Unha série de Harry Potter para a tele

563

Segundo informan várias fontes, a HBO Max está a dar os primeiros pasos para desenvolver unha série de televisión baseada no universo de Harry Potter.

Polo de agora non hai guionistas vencellados ao proxecto, aínda que xa se mantiveron algunhas conversas con algúns posíbeis candidatos. Non se sabe tampouco se o foco da série estaría na mesma liña temporal de Harry Potter, antes ou despois, dado que é aínda moi cedo e as conversas están nunha fase exploratória.

Tanto a HBO Max coma a Warner Bros, posuidora dos dereitos, negaron que houbese unha série en marcha. A franquía de Harry Potter é a mais salientábel da Warner Bros. Pictures, se deixamos á parte os superheroes da DC Comics, e coa HBO Max tentando facer-se un nome no eido das continuacións de sagas xa existentes, o servizo de streaming podería potencialmente converter-se no fogar de moitas séries da Warner, do mesmo xeito que a CBS All Access acadou con Star Trek e a Disney+ con Star Wars.

A posibilidade de crear unha série de televisión cos mundos dos meigos creados por J.K. Rowling levaba enriba da mesa xa algún tempo, pero a contratación a pasada semana dun executivo de televisión encargado da posíbel expansión multiplataforma da franquía suxería que un anúncio coma este estaba por chegar.

Os sete libros da série de Harry Potter venderon mais de 500 millóns de cópias en todo o mundo e as oito películas baseadas nos mesmos recadaron no seu conxunto case 8.000 millóns de dólares, sen contar as dúas precuelas xa producidas.