M.A.P.R.H.U.

0
202

maprhu1Era meio dia, meio dia dun dia calquera nun planeta calquera. Un forte vento ergueu-se nas vellas instalacións do centro de comunicacións abanando as enormes e enferruxadas antenas instaladas sobre ún dos módulos de administración, causando unha inquedante e indescriptíbel cacofonía que retumbaba no amplo complexo. Ao lonxe, dun xeito tan inesperado como vertixinoso, un manto de nubes vermellas xurdiu ameazante sobre o horizonte, advertindo dun temporal que embravecería por momentos, levado por un arrouto de incontrolabel fúria, azoutando todo aquilo que encontrase ao seu paso. Placas de alumínio soltas que se achaban sobre o desabrido chan desapareceron entre remoíños de ar mentres, a árida e abrasada area, comezaba a se elevar do chan. En tan só uns minutos, a até entón clara atmosfera viu-se tinxida dunha corrupta cór ocre, dificultando enormemente a visibilidade aos poucos moradores daquel esquecido lugar.

En meio daquel inferno de area e pó, unha sillueta enorme, con forma humana, ficaba imóbel ás portas do complexo. Firme ante o temporal. Ignorando a abrasiva abanada da area no seu rosto e do vento que non cesaba nas suas enfáticas embestidas. Coa vista perdida alén, sobre o horizonte e a mente mergullada e algun incomprensibel lugar a figura mantiña-se inanimada baixo a atenta ollada de vários androides situados no interior da estación que non lle sacaban ollo e, que amodo, ían aumentando en número ao redor da xanela desde onde podian ver, sen atopar unha explicación, o que estrañamente acontecía ante os seus ollos: a indiferenza, a apatía daquela figura imóbel, dun dos seus irmáns. Un irmán maior neste caso: un Dron. Pasarian vários minutos, até que un dos androides que se atopaban no interior das instalacións se dirixiu ao seu encontro, do Dron, expoñéndo-se tamén asi ás duras condicións que se daban naquel preciso intre no exterior. Amodo, cauto, aproximou-se á impoñente inanimada figura.

– Non podes ficar aqui por mas tempo! – Apenas se puideron escoitar aquelas palabras entre o són do vento, mentres o Dron semellaba seguir ausente; coa ollada ainda perdida entre as nubes, onde alén destes, os seus procesadores lle indicaban, atopába-se unha estrela, unha pequena e singular estrela.

– Por favor volta ao interior.- dixo, insistindo o androide, ao tempo que subtilmente suxeitaba ao Dron polo brazo, convidando-lle a entrar xunto a el, ao interior das instalacións. Só entón, ao sentir a presión sobre o seu brazo, semellou dar sinais de vida a impoñente máquina, xurdindo unhas palabras do interior desta. Eran tímidas palabras, que se confundian co son bárbaro da trevoada.

– Por que nos abandonaron?- preguntou sen retirar a vista do alto horizonte. – Por que non viñeron a buscar-nos? Onde están as persoas que nos dixeron que virian?- Seguirá a Terra alá? – As palabras xurdian co tón e o tempo que nunha máquina descrebe un proceso ao que non atopa resposta ou solución algunha. Un proceso, ao que os humanos, – e por atopar algún semellante emocional – califican de angústia.

– Imos – insistiu novamente o androide, que seguia ao seu lado, pegado a éste e collido firmemente ao seu brazo aturando o indecíbel – Debes tornar ao interior da estación. Tes que me acompañar. É perigoso ficar por mas tempo aqui afóra – insistia – Axiña a trevoada empeorará. Arrasará-o todo. Por favor… entra comigo.

– Hoxe fai un dia fermoso – contestou-lle o Dron. – Lembra-me á Terra. Alá, todos – os humanos – chamaban-me MAPRHU.

Daquela o Dron, ante a fixa ollada do androide, emitiu un singular són: aquel que indica a autodesconexión das fontes de alimentación e baterias de reserva. Os seus ollos apagaron-se. O androide, que non era a primeira vez que presenciaba aquela singular escena soltouno pouco antes de que este caise ao chan: esborrallado. O diminuto androide voltou-se para entrar no interior das instalacións. Xusto naquel momento semellaba que comenzaban cair as primeiras pingas de auga, que eran como pequenos heraldos que viñan avisar do que ainda estaba por chegar. Un trono enxordecedor fixo tremer o chan, mentres á modo novos androides dirixian-se cara unha das xanelas para ver aquel estraño acontecemento. Cando o androide que ficara ao lado do Dron até os seus últimos momentos entrou na sala onde se encontraban os seus irmáns, ún de tantos adiantou-se ao resto e lle preguntou: – É asi como morreremos todos?

– Ignoro-o. – Respondeu.

O androide, sen dar mas importáncia ao acontecido, seguiu camiñando até entrar nunha sala contigua. Alá detivo-se un breve intre para voltar a cabeza. Sen saber moi ben porque, voltou a vista cara unhas estrañas coordenadas que por algún motivo, e desde había uns segundos non deixaban de se repetir no seu interior, interrompindo algúns dos seus procesos. Un inesperado trevón fixo-lle voltar de novo, reanudando as suas rutinas. Xirou-se e seguiu camiñando. Camiñaba en silenzo, pero xa non era igual. De contado decatou-se. Agora algo, algo que non comprendia insistia no seu interior. Era unha forza? Un impulso? Un vírus se cadra?. Só sábia que non podia apartar ese lugar, esas coordenadas dos seus programas. Só sabía que era cuestión de tempo. Tempo para que aquela subrutina sobrecargase todos os seus circuitos, e saise ao pátio; fixando a vista naqueles eixos, sobre un ponto lonxano: unha pequena estrela, unha estrela antes esquecida, perdida entre tantas outras estrelas esquecidas, afundida no infindo pélago ao que os homes antes chamaban Cosmos.