Este ano cúmpren-se os primeiros 25 anos de existéncia da saga de videoxogos de Tomb Raider, e aínda que Shadow of the Tomb Raider levou á saga á súa conclusión en 2018, este podería non ser o final para Lara Croft.
Will Kerslake, o director de xogo da franquía na Crystal Dynamics, ven de ofrecer actualizacións ás novas sobre o futuro da propriedade nun recente vídeo, no que informou que a compañía ten “grandes ambicións para o futuro de Tomb Raider” e que a equipa “imaxina o futuro de Tomb Raider en todas as súas formas desenvolvéndo-se nun tempo alén das súas aventuras establecidas“.
De feito, a Crystal Dynamics seica planea unificar as liñas temporáis dos doce videoxogos: os seis orixinais da Core Design e mais as dúas triloxías da Crystal Dynamics.
Kerslake pediu aos fans que tiveran paciéncia mentres a compañía desenvolve o proceso, e dixo ademais que non haberá novos anúncios de xogos axiña. Cando chegue un, é de agardar que poidamos ver algúns nivéis emblemáticos dos xogos orixinais actualizados.
E a todo isto hai que engadir que a Netflix está a traballar nunha nova série de anime baseada na franquía, cuxos acontecementos terán lugar despois dos eventos da triloxía do reiníncio de 2013.