Duelo de Buck Rogers

800

Hai uns poucos días comezou a se escoitar o rumor de que a Legendary Entertainment, George Clooney e Grant Heslov ían participar na série de televisión que relanzará a clásica propriedade de ciéncia-ficción de Buck Rogers, nunha versión que conta cun guión de Brian K. Vaughn e coa produción de Don Murphy e Susan Montford.

Agora os herdeiros do escritor Philip Francis Nowlan, o creador de Buck Rogers, acenden o lume baixo as novas e o seu avogado ven de mandar unha carta de desisténcia á Legendary Entertainment. A carta indica que os devanditos herdeiros asinaron un acordo coa Skydance Productions, a empresa de David Ellison, para produciren contido do interese de Buck Rogers e que o proxecto da Legendary constituiría unha infracción dos dereitos dos donos da franquía.

Pero de feito, eses dereitos son obxecto dunha léa. O persoaxe de “Anthony Rogers” apareceu por primeira vez na novela curta de 1929 Armageddon 2419 A.D. e actualmente é de domínio público, polo que calquera autor é libre de adapta-lo ás súas obras.

Nombergantes, a família de Nowlan afirma que posúe os dereitos exclusivos sobre as histórias dos cómics, que apareceron anos despois, e nos que o persoaxe pasou a se chamar “Buck Rogers”. Eses son os dereitos sobre os que a Skydance pechou o seu acordo, tal e coma o avogado dos Nowlan dixo: “Buck non está en Armageddon, Anthony é un persoxe distinto“.

Un voceiro da Legendary respondeu: “Nós aseguramos os dereitos que necesitamos para seguir adiante co noso proxecto e a compañía non vai comentar nada mais sobre esas afirmacións sen fundamento. Esas mesmas persoas levan afirmando dende hai anos que teñen os dereitos que non teñen, e levan tentando evitar proxectos baseados en dereitos que non controlan legalmente“.

O proxecto da Skydance polo de agora non conta con ningún nome vencellado, pero non sería de estrañar que rematásemos con dúas séries en lugar dunha.