O director de Underwater e The Signal, Will Eubank, formará equipa co guionista e director Christopher Landon para crearen unha nova versión da franquía sobrenatural de Paranormal Activity.
Eubank será o director, e Landon, autor dos guións da segunda, terceira, cuarta e quinta entregas da saga, será o produtor executivo e guionista para a Paramount Players. Jason Blum, da Blumhouse, e Oren Peli regresarán coma produtores, e Steven Schneider coma produtor executivo.
O novo filme será segundo din un “retoque inesperado” da franquía. Todos os filmes anteriores tiñan a sona de seren baratos e de usaren a popular técnica de “metraxe atopada” con cámaras de seguridade, de teléfone, para neneiras, etc. Esa técnica, aínda que xa algo pasada de moda, continuará a se utilizar no novo filme.
A franquía orixinal, unha das mais rendíbeis da história do cinema, estivo composta por seis filmes, que custaron en total 28 millóns de dólares e recadaron case 900 millóns nos despachos de billetes. O novo filme ten xa asinada coma data de estrea o 4 de marzo de 2022.