O realizador responsábel de Hot Fuzz e Baby Driver, Edgar Wright, ven de chegar a un acordo coa Paramount Pictures para desenvolver e dirixir unha nova adaptación ao cinema do thriller distópico de Stephen King The Running Man.
Escrito en 1982 baixo o alcume de Richard Bachman, o libro foi adaptado á pantalla con moitas liberdades nun filme de ciéncia-ficción de 1987 que protagonizou Arnold Schwarzenegger.
A versión de Wright, que escribirá Michael Bacall baseándo-se nunha história que deseñará a parella conxuntamente, será probábelmente moito mais fiel ao traballo orixinal de King. Simon Kinberg, Nira Park e Audrey Chon serán os produtores.
A novela orixinal está ambientada nos Estados Unidos no ano 2025, cando a economía está en ruínas e a violéncia fóra de control. A história vai sobre Ben Richards, un concursante do programa de televisión “The Running Man” (o Fuxitivo) no que os participantes poden ir a calquera parte do mundo mentres son perseguidos por “cazadores” empregados para mata-los.
Wright ten pola súa banda aínda pendente de estrear Last Night In Soho, un thriller de terror que chegará ás pantallas en primavera.