A série de Galaxy Quest podería regresar

520

Segundo Sigourney Weaver, unha das protagonistas do filme orixinal, podería haber novos plans en marcha para unha secuela de Galaxy Quest en forma de série de televisión, que estaba previamente en desenvolvemento pola Amazon Studios pero que foi desbotada após do pasamento de Alan Rickman.

Nunha recente entrevista Weaver di que “houbo unha secuela escrita polo noso guionista, Bob Gordon. O filme era moi enxeñoso e cando o estrearon a DreamWorks cortou moitas das mellores escenas porque querían estrea-lo coma filme infantil en nadal. Coido que iso foi decepcionante para todo o mundo, así que decidiu non deixar-lles ter o segundo“.

Nombergantes, hai uns catro anos Bob e mais [o produtor] Mark Johnson e todo o grupo comezaron a desenvolver unha série. Logo perdemos ao marabilloso Alan [Rickman] inesperadamente, así que todo se gardou en alcanfor, pero coido que agora finalmente van revivi-lo“, engadiu.

Weaver dixo que “será a história dos antigos Galaxy Questers traídos a esta série por outro novo elenco“, e engadiu que “todo o mundo en Galaxy Quest quererá participar porque foi unha grande experiéncia para nós“. Segundo Weaver, Rickman é “insustituíbel“, pero os guionistas teñen unha boa ideia de como solucionar isto.

No filme orixinal Weaver interpretaba á actriz Gwen DeMarco, cuxo persoaxe era a tenente Tawny Madison na série Galaxy Quest dentro do filme. Rickman facía de Alexander Dane, cuxo persoaxe era o álien Dr. Lazarus. Pero Rickman finou por mor dun cancro pancreático en 2016.

Galaxy Quest foi unha paródia e homenaxe aos filmes e séries de ciéncia-ficción, especialmente a Star Trek e aos seus fans, e ademais de Weaver e Rickman, estaba protagonizada por Tim Allen, Tony Shalhoub, Sam Rockwell e Daryl Mitchell nos papéis do elenco cunha série de televisión de culto cancelada había moitos anos que reciben a visita de extraterrestres reais convencidos de que o programa era un documental exacto, e ven-se arrastrados a un conflito interestelar moi real.