As Supernenas veñen de S.H.I.E.L.D.

334

Chloe Bennet (Daisy Johnson en Agents of S.H.I.E.L.D.), Dove Cameron (Ruby Hale na mesma série) e mais a actriz de teatro Yana Perrault darán vida a Blossom, Bubbles e mais Buttercup no episódio piloto da série Powerpuff Girls con acción real na canle The CW.

Baseada no programa de debuxos animados creado por Craig McCracken e que emitiu a Cartoon Network, a nova série amosará, esta vez con actrices de carne e óso, a un grupo de desilusionadas rapazas de vintetantos anos, resentidas por perderen a súa infáncia loitando contra o crime.

Blossom reprimiu un trauma e agora ten un trastorno de ansiedade e se volveu unha reclusa, aínda que pretende volver a ser a líder, esta vez nos seus própios termos. Bubbles segue a ser un encanto e busca a fama, pero tamén ten dureza e enxeño. Buttercup é a mais sensíbel e pasou a súa idade adulta tentando vivir unha vida anónima. Estarán de acordo en se volveren a reunir agora que o mundo as necesita mais ca nunca?

O episódio piloto conta con Heather Regnier e Diablo Cody coma guionistas e produtoras executivas, aos que haberá que sumar a Greg Berlanti, Sarah Schechter, e David Madden. Maggie Kiley dirixirá para a Warner Bros. Television.