Terror lovecraftián

Hoxe en día a ninguén lle estraña atopar o termo “terror lovecraftián” entre os termos chave asociados á descrición dunha longametraxe. É de feito tan habitual, que nos últimos tempos aparece coma sinal de que dalgún xeito o filme podería ser de interese para un sector dos espectadores que queren ver un terror diferente ao clásico de sangue, esqueletes e zombis.

O terror lovecraftián non é mais ca é un subxénero dentro da ficción de terror no que se salienta o medo cósmico ao descoñecido (ou que non é posíbel coñecer) mais có gore ou outros elementos de conmoción. O seu nome provén do escritor de Providence Howard Philips Lovecraft (1890–1937), cuxas obras salientan unha filosofía de cosmicismo, caracterizada polo medo que sentimos cando nos enfrontamos a fenómenos alén da nosa comprensión, cando nos decatamos do lugar que ocupa a humanidade no universo revelado pola ciéncia, na que o terror xurde do descubrimento da verdade, cunha fusión naturalista de terror e ciéncia-ficción na que desaparecen as presuncións normais sobre a natureza da realidade. Nos seus mitos, Lovecraft refinou un estilo de seu, vencellado a este cosmicismo: a sensación de que as nosas vidas non son mais ca unha delgada casca sobre unha realidade que é tan estraña e terríbel que o mero feito de saber que existe faría-nos tolear.

H.P. LovecraftNo que respecta aos seus protagonistas, nun filme de terror cósmico podemos agardar ver sempre algunhas características típicas, coma o anti-antropocentrismo e misantropía en xeral. O filme non estará polo tanto enfocado nos seres humáns, que son insignificantes no conxunto do universo, senón no universo mesmo. Os heroes tenden a ser persoas socialmente illadas, indivíduos reclusivos, académicos, científicos ou estudosos. Os protagonistas non son heroes poderosos, sábios e valentes: non hai un Indiana Jones nin un Allan Quatermain, que se enfrontan sen dubidar ás forzas do mal, senón que son covardes, tenden a fuxir do perigo, a ser atrapados e finalmente a tolear. Nese mundo non hai lugar para as relacións familiares ou interpersoais, que son irrelevantes ou directamente sinistras. Os heroes están suxeitos á impoténcia e á desesperanza: aínda que poden gañar ás veces, as vitórias son sempre temporáis e pagan un prezo moi alto por elas. Este tipo de anti-heroe non era de feito o habitual nas revistas pulp dos anos 20 nas que publicaba Lovecraft, e por iso é polo que o seu nome non era tan popular entre os leitores.

Unha das mais salientábeis características no terror lovecraftián é que hai moitas preguntas e moi poucas respostas. Os persoaxes case nunca comprenden totalmente o que está a acontecer, e tolean se o intentan. A cordura é algo fráxil. Os protagonistas dos contos de Lovecraft son incapaces de se enfrontaren mentalmente ás verdades extraordinárias que preséncian, escoitan ou descobren, mesmo ás veces tan só lendo. Pero o terror non é físico, podemos polo tanto esquecer-nos de ver os habituáis baños de sangue, esqueletes e cadavres andantes dos filmes de medo clásicos. As histórias lovecraftiáns inclúen no seu lugar substáncias xelatinosas, lama, lidro ou graxa. O medo non é causado por un monstro que pode matar ao protagonista, iso sería o de menos. O realmente terríbel é o feito de que haxa un universo onde poden existir monstros. Polo tanto, os monstros non necesitan aparecer directamente, non se nos amosan as súas faccións e os detalles son sempre borrosos. O termo “indescritíbel” aparece moitas veces nos libros de Lovecraft.

Pero se non amosamos o monstro na pantalla, o que fica para os espectadores? Este é o problema da tradución das obras de Lovecraft ao cinema. Nunha obra escrita é posíbel encher as páxinas describindo o medo, as sensacións de angúria e ansiedade do seu protagonista, pero para os espectadores de cinema isto non abonda. O cinema de medo dos anos 20 e 30 baseába-se nas sombras, os xogos de luces espectráis en branco e negro, pero finalmente, na aparición dun persoaxe sinistro: Nosferatu, Drácula, Frankenstein, M… que é derrotado por un galán, valente e lanzal. Por riba, en 1934 comeza a se aplicar o Código Hays da censura en Hollywood, e os finais infelices e mais as insinuacións de universos demoníacos fican fóra do que se pode amosar nas pantallas, polo que o terror cósmico semella condeado a non se ver no cinema.

Aínda que os estudosos usan de feito os termos terror lovecraftián ou cósmico indistintamente, nós imos considerar soamente o cinema que contén elementos dos Mitos de Cthulhu ou algo xenuinamente lovecraftian. Dado que o terror cósmico pode ser, por exemplo, un filme no espazo, con áliens, pratos voadores e abducións, se non ten ademais algún vencello cos Mitos non aparecerá neste artigo. Do mesmo xeito, a listaxe que ven de seguido é de longametraxes, non incluímos curtas nin séries de televisión. E advertimos por suposto que as seguintes páxinas conteñen spoilers!

A partir dos anos 50 a aplicación do código Hays dilúe-se ou esquéce-se directamente, e o terror cósmico comeza a se converter realmente nun subxénero, que non só se alimenta das adaptacións ao cinema de Edgar Allan Poe e Lovecraft, senón que será asemade o alicerce no que se baseen os futuros filmes das seguintes dúas décadas. E probablemente o primeiro realizador que tentou mergullar-se no xénero foi Roger Corman, o rei do cinema “B”.

The Haunted PalaceO mais evidente é seu filme The Haunted Palace (1963), baseado moi por riba na novela curta The Case of Charles Dexter Ward, protagonizado por Vincent Price, Lon Chaney Jr. e Debra Paget nunha história sobre unha vila baixo o poder dun necromante morto. O escenário é Arkham, Massachusetts, a vila fictícia favorita de Lovecraft, e o protagonista é o meigo Joseph Curwen. Corman, coñecido polos seus filmes baseados nas obras de Poe, quería facer algo distinto con The Haunted Palace e escolleu unha história de Lovecraft, pero os estudos cambiaron o título para que parecera unha continuación da série de Poe. O certo é que a única conexión co escritor de Boston é un poema lido por Price ao comezo, e que serve para lle dar título á película.

X: The Man with X-rays EyesMenos claro é o caso de X: The Man with the X-ray Eyes, un filme independente de 1963 en cór que protagonizou Ray Milland. A película é salientábel non só por presentar ao cómico Don Rickles nun papel dramático, senón porque o seu protagonista, o doutor Xavier, despois de pasar-se o filme padecendo as consecuéncias de posuír ráios X nos ollos, remata por tolear e mesmo ver a Deus no centro do universo, o que ben podería ser unha reinterpretación de Azathoth, o deus que soña no centro do universo, creador e pai dos outros deuses, e que causa a realidade que percibimos.

Dark IntruderNesta era habería que mencionar Dark Intruder (1965) un telefilme protagonizado por Leslie Nielsen, Mark Richman e Judi Meredith. Situado en San Francisco en 1890 cun protagonista que é un playboy e experto ocultista, foi dirixido por Harvey Hart, e ía ser o episódio piloto para unha série titulada The Black Cloak. O vilán da história é un asasino que deixa canda os corpos dos mortos unhas estatuíñas de marfil que semellan unha pequena cabeza reptiloide que se supón que é un deus sumério, de novo unha referéncia aos Mitos de Cthulhu, neste caso se cadra a Dagon.

Die, Monster, Die!En 1965 estreou-se Die, Monster, Die!, con Boris Karloff e Nick Adams, dirixida por Daniel Haller. O filme é unha adaptación moi liberal do conto de H.P. Lovecraft The Colour Out of Space que se rodou en só dous meses para se exhibir canda Planet of the Vampires. Nela, Stephen Reinhart, un científico americano, visita á súa prometida inglesa e atopa unha zona queimada xunto a un cráter. A orixe dos problemas é un meteorito radioactivo que o pai da moza, Nahum Witley (Karloff), mantén agocho e utiliza para facer horríbeis experimentos.

The Shuttered RoomThe Shuttered Room (1967) é unha fita inglesa, baseada nunha das obras que August Derleth chamou “colaboracións póstumas” con Lovecraft. Dirixida por David Greene e protagonizada por Gig Young e Carol Lynley, vai sobre unha muller recén casada que medrou nunha casa de acollida e que se muda ao campo canda o seu home ao descubrir que os seus pais lle deixaron unha casa na illa de Dunwich. Os habitantes da vila son hostís e advirten-lles que o muíño local está maldito, mália o cal deciden reconstruí-lo, coas consabidas nefastas consecuéncias.

Curse of the Crimson AltarOutro filme inglés, do ano seguinte, foi Curse of the Crimson Altar (titulado The Crimson Cult internacionalmente), baseado en The Dreams in the Witch House. Foi dirixido por Vernon Sewell e protagonizado por Christopher Lee, Boris Karloff, Barbara Steele e Mark Eden. Nel, o anticuário Robert Manning (Eden) busca ao seu irmán desaparecido nunha vila perdida, onde chega de noite no médio dunha festa. A neta do proprietário da casa invíta-o a ficar, pero a súa estáncia é perturbada por soños de estraños sacrifícios rituáis e alucinacións. O experto ocultista Profesor Marsh (Karloff) advírte-lle dun culto de bruxería vencellado a unha devanceira.

The Dunwich HorrorThe Dunwich Horror (1970) foi o primeiro filme que se baseou directamente nun conto homónimo de Lovecraft, pero incluíndo novos elementos, coma a namorada do protagonista. Dirixida por Daniel Haller e protagonizada por Sandra Dee, Dean Stockwell e Ed Begley, vai sobre unha rapaza recén graduada que é o obxectivo dun sinistro ocultista interesado no Necronomicon. Roger Corman foi o produtor executivo, e aínda que no seu día non tivo éxito, co paso dos anos converteu-se nun clásico entre as adaptacións lovecraftiáns, non só polo seu deseño psicodélico, senón porque con todo, é unha das adaptacións mais fieis ao material orixinal, especialmente polo seu final inesperado, a clásica volta de rosca que mete aínda mais terror ao relato.

AlienEn 1979 Ridley Scott dirixiu Alien, un filme de ciéncia-ficción con guión de Dan O’Bannon, que algúns autores recentes describen coma lovecraftián, especificamente polos deseños de H.R. Giger (quen non tivo nunca reparos en se declarar debedor de Lovecraft), polas súas implicacións de cosmicismo e insignificáncia dos seres humáns nun cosmos hostil e perigoso, e polo mesmo feito de que o monstro non é o remate da história, senón unha adverténcia de que foi creado por alguén aínda mais poderoso. Protagonizado por Tom Skerritt, Sigourney Weaver, Veronica Cartwright, Harry Dean Stanton, John Hurt, Ian Holm e Yaphet Kotto, foi un éxito mundial absoluto, que lanzou a carreira de Weaver, deu sona a Ridley e xerou oito secuelas e mercadoría valorada en miles de millóns de euros.

The Evil DeadThe Evil Dead (1981) é un filme de terror escrito e dirixido por Sam Raimi e protagonizado por Bruce Campbell. Considerado hoxe en día coma unha comédia de terror, deu orixe a tres secuelas e mais unha série de televisión, e conta co libro madito Necronomicon coma elemento central. No primeiro filme, cinco estudantes de festa nunha cabana invocan sen sabe-lo aos demos, e tan só un deles sobrevivirá a un caos que se desenvolve nunha espiral cada vez mais salvaxe. The Evil Dead recadou 29 millóns de dólares a partir dun orzamento de tan só 400.000, acadou críticas moi positivas dende un primeiro intre e converteu-se nun filme e nunha saga de culto para os fans.

The ThingEntre estes filmes que non son directamente lovecraftiáns pero que beben dos seus mitos hai que incluír a chamada “triloxía do apocalipse” de John Carpenter, cuxa primeira entrega foi The Thing, un clásico do terror e da ciéncia-ficción escrito por Bill Lancaster e baseado na novela curta de 1938 de John W. Campbell Jr. Who Goes There?. Protagonizado por Kurt Russell, o filme narra a história dun grupo de científicos na Antártida que atopan un parasito extraterrestre capaz de asimilar outras formas de vida e logo imitar a súa forma. No seu día a crítica non tivo piedade e esnaquizou-no, calificándo-o coma “lixo”, pero hoxe en día é considerado coma un clásico e un exemplo do cinema de terror. Habería que engadir que este filme é realmente un remake de The Thing from Another World, estreado en 1951 e dirixido por Christian Nyby, no que o monstro representaba os perigos do comunismo.

Re-AnimatorAté agora analizamos filmes que son de terror ou ciéncia-ficción, pero con Re-Animator (1985), mais ou menos baseada na novela por entregas Herbert West–Reanimator, o director Stuart Gordon e mais o produtor Brian Yuzna, xunto co protagonista Jeffrey Combs no papel de Herbert West, inauguran a comédia de terror lovecraftiana e convertén-se pouco menos ca no trío lovecraftián semioficial durante os seguintes trinta anos. Neste filme, un estudante de medicina inventa un líquido que ao inxecta-lo nun cadáver, o fai resucitar. Xunto co seu colega comeza a experimentar, o que entra en conflito co seu profesor, que está namorado da moza de West.

From BeyondO filme, que se pode clasificar doadamente coma de série B, tivo un éxito inesperado, polo que en 1986 rodan deseguido From Beyond, baseado unha vez mais de xeito moi liberal no conto homónimo de Lovecraft. Protagonizado unha vez mais por Combs, céntra-se nun par de científicos que intentan estimular a glándula pineal cun dispositivo chamado Resonador (o filme titulou-se Re-Sonator en España por este motivo, para facer ver que era unha continuación do anterior). Pero o experimento fai que comecen a percibir criaturas doutra dimensión que arrastran ao científico ao seu mundo, devolvéndo-o coma un monstro grotesco.

Bride of Re-AnimatorO anteriormente mencionado Re-Animator conta con dúas secuelas: Bride of Re-Animator en 1990 e Beyond Re-Animator en 2003. A primeira é unha comédia escrita por Yuzna, Rick Fry e Woody Keith e é unha continuación directa do filme de 1985. Coma a orixinal, está baseada mais ou menos no conto por entregas Herbert West–Reanimator e segue os seus episódios 5 e 6, The Horror from the Shadows e The Tomb-Legions. Os protagonistas son de novo os doutores Herbert West e Dan Cain, pero esta vez tentando crear unha muller a partir de tecido de cadáveres.

En xeral, os filmes de Gordon e Yuzna, que pretenderon seguir a estela de Roger Corman, son ao cabo mais cómicos ca de terror, cun gusto mais ca excesivo polo gore e a exhibición erótico-sexual, o que resulta a combinación perfecta para que algúns cineastas españois (De la Iglesia, Segura) se sumasen cos anos ao carro do esperpento, onde o terror desaparece por completo e no seu lugar só fica a risada basta que atrae aos espectadores ao cinema, onde se mestura un pouco de todo para rematar non só afastado do espírito do cosmicismo, senón do mesmo pulp, e rematar con producións que mesturan todos os clásicos do xénero para se asemellaren cada vez mais a fanzines: El día de la Bestia, Las brujas de Zugarramurdi, 30 Monedas

Prince of DarknessA segunda peza de Carpenter a considerar é Prince of Darkness (1987), protagonizado por Donald Pleasence, Victor Wong, Jameson Parker e Lisa Blount, e que ten coma heroe a un cura experto en demonoloxía que convida a un físico e aos seus estudantes para investigaren un misterioso cilindro que contén un líquido verde, que logo resulta ser o demo. O filme é de salientar porque mestura relixión e ciéncia dun xeito que non é totalmente chocante e revela que atrás da realidade que nos amosa a ciéncia atópa-se un mundo descoñecido, terríbel e sinistro que mesmo pode causar o fin do mundo.

The CurseEn 1987 aparece tamén The Curse, un filme de terror e ciéncia-ficción dirixido por David Keith no seu debut coma director e baseada no conto The Colour Out of Space. Nesta versión o meteorito cae nunha granxa de Tennessee e comeza a infectar a terra e aos seus habitantes. O seu protagonista foi Wil Wheaton, daquela unha das estrelas de Star Trek: The Next Generation, pero iso non serviu para evitar que fose un fracaso comercial. Contou con dúas secuelas, xa sen relación co terror lovecraftián, e que foron directamente ao mercado do VHS.

The Unnamable The Unnamable é unha película de terror de 1988 dirixida, escrita e producida por Jean-Paul Ouellette e baseada no relato homónimo de H.P. Lovecraft. O seu argumento xira ao redor dun grupo de estudantes universitários que deciden pasar a noite nunha típica casa enmeigada. Mark Kinsey Stephenson interpretou o papel principal, Randolph Carter (un habitual persoaxe de Lovecraft), xunto a Charles King. Non é unha grande película, pero resulta divertida grazas á equipa Holmes/Watson de baixo orzamento formada por Randolph Carter e Howard Damon.

Cast a Deadly SpellA diversión era precisamente a intención que quería causar Cast a Deadly Spell, un telefilme de 1991 producido pola HBO, dirixido por Martin Campbell e protagonizado por Fred Ward no papel de Harry Phillip Lovecraft, un detective de cinema negro investigando en Los Angeles en 1948 nun universo alternativo onde a máxia é algo normal. Lovecraft é contratado polo millonário Amos Hackshaw para que atope ao seu antigo chofer, quen ven de roubar o misterioso Necronomicon.

Witch HuntDous anos despois de Cast a Deadly Spell aparece a súa secuela, Witch Hunt, dirixida por Paul Schrader e esta vez con Dennis Hopper no papel do detective. Nesta ocasión, Lovecraft é contratado pola estrela do cinema Kim Hudson (Penelope Ann Miller) para que investigue ao seu home, un produtor que quere substituí-la pola súa amante. Esta vez o escenário é o ano 1953, ao comezo da caza de bruxas contra os comunistas na era do senador McCarthy. Por certo que a música orixinal foi composta por Angelo Badalamenti, o mesmo de Twin Peaks.

The ResurrectedThe Resurrected é un filme de 1991 dirixido por Dan O’Bannon (o guionista de Alien) e protagonizado por John Terry, Jane Sibbett, Chris Sarandon e Robert Romanus. É unha adaptación da novela The Case of Charles Dexter Ward, orixinalmente proposta para se estrear nas salas de cinema, pero que só puido pasar por vários festiváis (Sitges entre outros) antes de chegar ao mercado de vídeo en 1992, polo que normalmente esta é a data coa que consta nos catálogos. O filme contén moitos elementos fieis á obra de Lovecraft, pero os estudos fixeron moitos recurtes e o resultado é, aínda que bastante decente, un filme que se pode considerar lovecraftián só polo nome.

The Unnamable ReturnsEn 1993 apareceu unha secuela de The Unnamable, The Unnamable Returns, que tamén se exhibiu co título de The Unnamable II: The Statement of Randolph Carter nalgúns mercados. Esta segunda parte contou con Mark Kinsey Stephenson e Charles Clausmeyer, e ademais con John Rhys-Davies (que viña de saír en Indiana Jones and the Last Crusade) e David Warner. Para Rhys-Davis foi a súa única experiéncia no eido do terror lovecraftián, pero Warner duplicaría o mesmo ano co filme Necronomicon.

NecronomiconNecronomicon presenta por primeira vez ao mesmo escritor H.P. Lovecraft coma persoaxe, interpretado por Jeffrey Combs, nunha antoloxía de tres segmentos: The Drowned está baseado en The Rats in the Walls, The Cold en Cool Air, e Whispers en The Whisperer in Darkness. Cada segmento ten un director de seu, pero todos eles están unidos por unha história xeral de Brian Yuzna. Os efectos especiais e animatróns son bós e abondosos e de feito recibiron o prémio no Fantafestival de Roma en 1994.

Lurking FearLurking Fear é un filme de terror de 1994, baseado de lonxe no conto The Lurking Fear. Foi producido por Charles Band e escrito e dirixido por C. Courtney Joyner. Presenta a un ex-convito que regresa ao seu fogar, onde baixo o chan se agochan unhas creaturas humanoides. Tivo unha recepción negativa e o elemento de terror é case totalmente esquecido para no seu lugar facer un filme de gángsters cun secuestro coma tema central.

In the Mouth of MadnessE chegamos por fin á terceira entrega da triloxía do apocalipse de Carpenter, a mais salientábel de todas: In the Mouth of Madness (1994) é, sen ser un filme baseado en ningunha obra específica de Lovecraft, unha das mellores e mais intensas películas lovecraftiáns xamáis realizadas. Escrita por Michael De Luca, ten coma protagonistas a Sam Neill, Julie Carmen, Jürgen Prochnow, David Warner e Charlton Heston. O seu comezo nun hospital psiquiátrico xa nos debe facer sospeitar que non rematará moi ben para o heroe, que é un investigador contratado para atopar a un escritor de novelas de medo, desaparecido pouco antes de entregar o seu derradeiro manuscrito, que volve tolos aos que o len. As referéncias a Lovecraft son contínuas: o seu título é un xogo de palabras coa novela At the Mountains of Madness, e história cónta-se en flashback, fala de escenários e persoaxes lovecraftiáns, os títulos das novelas aseméllan-se aos de Lovecraft… e por riba, no seu día resultou ser un fiasco nos despachos de billetes, pero co paso do tempo converteu-se nun filme de culto que amosou estar moi por diante da súa época.

Castle FreakStuart Gordon regresa en 1995 con Castle Freak, un filme de terror protagonizado, unha vez mais, polo inevitábel Jeffrey Combs, esta vez interpretando a John Reilly, un alcohólico en recuperación que hereda un castelo italiano. John viaxa a Itália coa súa muller (Barbara Crampton) e a súa filla cega. Pero no castelo habita un monstro que mata a algúns paisáns e John convérte-se no principal suspeitoso. O filme, de baixísimo orzamento, está baseado no relato The Outsider, nun período no que a produtora pasaba por problemas financeiros e se estreou directamente no mercado de vídeo.

Event HorizonFalando de problemas financeiros, Event Horizon é un filme de terror e ciéncia-ficción ambientado no espazo, dirixido en 1997 por Paul W. S. Anderson e cun elenco de luxo: Laurence Fishburne, Sam Neill, Kathleen Quinlan e Joely Richardson. Vai sobre unha tripulación de astronautas enviada a rescatar unha nave espacial, o Event Horizon, que após de moitos anos perdida, aparece de súpeto na órbita de Neptuno. O elemento lovecraftián é neste caso unha máquina que abre unha fenda no espazo-tempo e que permite a unhas entidades sobrenaturáis cruzar o portal e chegar ao noso mundo. A súa produción foi problemática porque tivo que se apurar para sustituír a Titanic nas carteleiras: a súa metraxe orixinal perdeu-se tras vários curtes non aprobados polo seu director, e o resultado foi un sonoro fracaso nos despachos de billetes. Pero este meigallo só serviu para converte-la nun filme de culto co paso dos anos.

CthulhuNo recanto do milénio, no ano 2000, estréa-se Cthulhu, un filme australián de baixo orzamento que foi dirixido, producido e escrito por Damian Heffernan. Está baseado en dous contos, The Thing on the Doorstep e The Shadow Over Innsmouth. O seu protagonista é Adam Somes no papel dun estudante que descobre que o seu mellor amigo ven de se sumar a unha seita que quere resucitar a Cthulhu. Rodado en Canberra en 1996, o seu argumento é un esforzo pouco afortunado por xuntar dous relatos de Lovecraft que non gardan relación entre si.

DagonE unha vez xa entrados no novo século, en 2001 chega un filme galego. Dagon, dirixido polo omnipresente Stuart Gordon, está baseado na novela The Shadow Over Innsmouth e contou coma protagonistas a Ezra Godden, Raquel Meroño e Francisco Rabal, na que sería a súa derradeira aparición nas pantallas, porque morreu pouco antes da estrea. A película é de salientar non só porque estea rodada en Galiza (concretamente na vila de Combarro) e porque os locáis teñen nomes galegos e falan en galego, senón porque cun orzamento non moi alto, adapta mais ca decentemente un relato complicado e é de feito interesante de seguir, sen barullos nin efectismos baratos. Aínda que está moi lonxe de ser perfecta, foi daquela probabelmente a mellor adaptación de Lovecraft ao cinema até a data.

Beyond Re-AnimatorYuzna non abandoaría a península ibérica, e grazas aos cartos da produtora catalana Filmax, roda en 2003 Beyond Re-Animator, a terceira entrega da súa saga de Re-Animator. Con Jeffrey Combs, Jason Barry, Elsa Pataky, Simón Andreu e Santiago Segura, nesta ocasión vemos ao doutor Herbert West recén saído da prisión onde estivo os últimos trece anos, pero que non abandoa a súa ideia de resucitar aos mortos e de crear zombis no proceso. O filme é case unha cópia do orixinal, con efectos especiais mellorados, pero que non pasa de ser “cinema de bárrio” e unha españolada con humor groso, moito gore, sexo e dirixido en exclusiva aos fans das dúas anteriores entregas.

The Call of CthulhuO título de mellor adaptación para Dagon non lle duraría moito, porque en 2005 aparece a obra mestra The Call of Cthulhu, realizada pola H.P. Lovecraft Historical Society, protagonizada por Matt Foyer, John Bolen e Ralph Lucas e que é unha adaptación absolutamente fiel e literal do conto orixinal, usando Mythoscope, unha mestura de técnicas antigas e modernas que tentan reproducir a mesma sensación dun filme dos anos 20, cando se escribiu a história orixinal de 1926. A crítica foi unanimemente positiva, e o filme, que por pouco non é unha curta (ten unha duración de tan só 47 minutos), é considerado non só coma unha perfecta adaptación do conto, senón coma un tributo cheo de amor polas obras de Lovecraft e dirixido de cheo aos fans mais fieis. O filme é misterioso, estraño e cunha banda sonora tan axeitada que durante tres cuartos de hora semellará que regresas a un tempo onde nunca viviches.

The MistO listón xa estaba altísimo, cando en 2007 aparece The Mist, a obra mestra de Frank Darabont coa que adapta a novela homónima de Stephen King de 1980. O filme mestura terror e ciéncia-ficción e conta cun numeroso elenco, onde se atopan Thomas Jane, Marcia Gay Harden, Nathan Gamble, Andre Braugher, Toby Jones, Frances Sternhagen, Buck Taylor, William Sadler, Sam Witwer, Alexa Davalos, Chris Owen, Andy Stahl, e os futuros actores de The Walking Dead Laurie Holden, Jeffrey DeMunn, Melissa McBride e Juan Gabriel Pareja. O escenário é o dun supermercado, un día normal, cando de súpeto aparece unha néboa e quen se mete nela, non regresa xamais. Algúns monstros son á penas albiscados entre a brétema. A obra orixinal de King é de por si moi lovecraftián, e aínda que o tema central son as perturbadoras reaccións dos seus protagonistas, coas que o filme atinxe un desacougante nivel de suprema calidade, a sensación de atafego é intensa ao longo de toda a fita e remata cunha mensaxe desesperanzadora e polo tanto perfectamente axeitada ao terror cósmico.

Cthulhu 2007O mesmo ano chega Cthulhu, dirixida por Dan Gildark, protagonizada por Cara Buono e Jason Cottle e baseada mais ou menos en The Shadow over Innsmouth. O filme é de salientar porque conta por primeira vez cun protagonista homosexual. O guionista, Grant Cogswell, dixo que querían explotar a metáfora polo terror ao que se enfronta un gai que regresa á súa pequena vila, onde ao terror cósmico debe sumar o medo a ser distinto nunha sociedade pechada. A história en sí múda-se dende Nova Inglaterra á costa do noroeste e aínda que ten momentos de medo e unha ambición considerábel, o resultado final deixa moito que desexar.

H.P. Lovecraft's The Dunwich HorrorEn 2008 a canle Syfy produciu H.P. Lovecraft’s The Dunwich Horror (tamén titulada Witches: The Darkest Evil), con Jeffrey Combs e Dean Stockwell. A acción múda-se esta vez a unha vila de Louisiana, onde un home busca un antigo manuscrito que lle permitirá abrir un portal a outra dimensión e invocar a unhas horribeis creaturas chamadas “Os Antigos”. Cun guión e dirección de Leigh Scott, a película non pasa de ser un esforzo dirixido a entreter aos espectadores mais adolescentes da canle, cousa que non acada de todos os xeitos.

The Last Lovecraft: Relic of CthulhuThe Last Lovecraft: Relic of Cthulhu é unha comédia de terror dirixida por Henry Saine. O filme debutou no Lovecraft Film Festival de 2009 e pasou logo directamente ao mercado de vídeo caseiro. Protagonizado por Kyle Davis e Devin McGinn, o seu argumento vai sobre un tal Jeff Philips, que traballa nun servizo telefónico de atención ao cliente, cando un día chega un profesor tolo á súa casa e lle dí que é o derradeiro descendente do mítico escritor H.P. Lovecraft. A partir dese intre comeza a ser atacado por monstros, mentres tenta salvar ao mundo do regreso de Cthulhu.

Beyond the Black RainbowA película canadiana de 2010 Beyond the Black Rainbow é un filme de ciéncia-ficción escrito e dirixido por Panos Cosmatos e protagonizado por Michael Rogers e Eva Allan. Xira ao redor de Barry Nyle, director do instituto Arboria, un centro de investigación adicado a reconciliar a ciéncia coa espiritualidade e que quere permitir que os humáns pasen a un estado de perpétua felicidade. Toma vários elementos das ideias cosmicistas de Lovecraft e as mestura con psicodélia, new age e outros temas lonxanamente científicos. O seu estilo visual é certamente interesante e orixinal e o seu guión é lento e hipnótico, criticando aos “baby boomers” e os mecanismos de control da sociedade.

The Whisperer in DarknessThe Whisperer in Darkness (2011) é o seguinte intento da H.P. Lovecraft Historical Society por facer unha nova obra mestra. Baseado no conto do mesmo título, contou coa produción de Andrew Leman. Rodou-se igualmente en branco e negro coa técnica de Mythoscope, pero esta vez tentando imitar o estilo dos anos 30, ao xeito de Dracula ou King Kong. Nos seus dous primeiros actos, o argumento segue fielmente ao relato orixinal, mentres que a terceira parte é material novo, no que se descubre que os Mi-Go adoran a Shub-Niggurath, e o protagonista, Wilmarth, tenta evitar que os cultistas abran un portal que comunique Yuggoth e a Terra. Aínda que o filme é moi bó e merecedor de todas as loubanzas, non puido pasar o listón que lle deixara The Call of Cthulhu en 2005; é entretido, mete medo pero non se achega ao seu predecesor.

The ThingA película The Thing de 1982 contou cunha precuela do mesmo título no ano 2011, dirixida polo holandés Matthijs van Heijningen Jr. e protagonizada por Mary Elizabeth Winstead, Joel Edgerton, Ulrich Thomsen, Adewale Akinnuoye-Agbaje e Eric Christian Olsen. Esta vez cóntan-nos a história do grupo de científicos noruegueses e americanos que descobren o parasito álien. Foi un fracaso comercial, entre outras cousas porque non ficaba moito que contar da história orixinal, e esta ten un ritmo moito mais lento.

The Cabin in the WoodsDrew Goddard dirixiu en 2012 o filme The Cabin in the Woods. Con guión do mesmo Goddard e mais o polémico Joss Whedon, está protagonizada por Kristen Connolly, Fran Kranz, Chris Hemsworth, Jesse Williams, Anna Hutchison, Bradley Whitford e Richard Jenkins. O filme é unha mestura de terror e comédia, con moitos metaelementos que a fixeron xerar moi boas críticas. Nela, un grupo de estudantes vai-se de festa de fin de semana a unha cabana no bosque, onde son atacados por monstros mentres un grupo de técnicos semella controlar todo o que lles pasa dende unhas instalacións subterráneas. O tema lovecraftián fica claro ao final, cando se ve que os rapaces deben ser sacrificados para aplacar aos “Antigos” e evitar que rexurdan.

ResolutionO mesmo ano chega Resolution, a primeira entrega dunha triloxía independente dirixida por Justin Benson e Aaron Scott Moorhead que tenta integrar os Mitos nos nosos tempos. Cun guión de Benson e protagonizada por Peter Cilella e Vinny Curran, o filme vai sobre un deseñador gráfico que recibe un misterioso vídeo por e-mail e viaxa a unha remota cabana para salvar ao seu amigo drogadito. A crítica recibiu moi ben o filme, no que hai un inimigo nunca visto que manipula a realidade para crear histórias interesantes. En si mesmo o filme non é 100% lovecraftián, pero hai que relaciona-lo coas dúas seguintes entregas, ambientadas neste particular universo.

Evil Dead (2013)Evil Dead (2013) foi un filme de terror dirixido por Fede Álvarez, escrito por Rodo Sayagues e o mesmo Álvarez e producido por Sam Raimi e Bruce Campbell. Esta película é a cuarta entrega da saga “Evil Dead” e serve coma relanzamento e continuación ao mesmo tempo, polo que tiña asegurado o éxito comercial dende o primeiro intre. Nela un grupo de cinco persoas son perseguidos por monstros sobrenaturais no bosque e o Necronomicon volve ser un dos elementos mais salientábeis no argumento.

Call Girl of CthulhuCall Girl of Cthulhu é outra comédia de terror independente de 2014, dirixida por Chris LaMartina e protagonizada por David Phillip Carollo, Melissa O’Brien e Nicolette le Faye. O heroe é un artista que se namora dunha muller que resulta ser a moza de Cthulhu, e o guión está cheo de escenas de sexo, gore, comédia e risos, contén moitísimos chistes que fan referéncia aos nomes, lugares e persoaxes de Lovecraft, e aínda que non se pode considerar unha obra mestra, resulta simpático para os fans deste tipo de cinema de fanzine que podería ter asinado o mesmo Santiago Segura.

SpringA parella Benson/Moorhead dirixiu o mesmo ano Spring, un filme entre romántico e de terror que conta con Lou Taylor Pucci e Nadia Hilker coma estrelas. O protagonista é Evan, un mozo que viaxa a Itália e fúga-se cunha muller chamada Louise que agocha un terríbel segredo. O argumento contén monstros mutantes semellantes a polbos e outros elementos que fan mais claro o vencello entre este universo e mais Lovecraft cá fita predecesora. Guillermo del Toro eloxiou o filme, do que dixo que “é unha das millores películas de terror desta década” e “unha das únicas películas lovecraftianas que me deixou coa boca aberta“.

A Cure for WellnessNo seu regreso á cadeira de director co filme de 2016 A Cure for Wellness, o realizador Gore Verbinski ofreceu unha película con moitos elementos lovecraftiáns, confirmados por el mesmo. A obra se pode considerar coma terror psicolóxico, no que o principal sostén do argumento é a angúria do protagonista, encerrado nun balneário nos Alpes suízos de onde non se pode escapar e no que o seu director fai misteriosos experimentos cos pacientes. Mália contar cun grande elenco (Dane DeHaan, Jason Isaacs, Mia Goth, Lisa Banes) e un orzamento de 40 millóns de dólares, foi un fracaso nos despachos de billetes e os espectadores non remataron por comprender o sinificado do que estaban a mirar.

Howard Lovecraft and the Frozen KingdomChegando ao final do noso repaso, habería que incluír a triloxía de debuxos animados infantís de Howard Lovecraft, que tenta seguir a estela de Harry Potter e que foi iniciada en 2016 con Howard Lovecraft and the Frozen Kingdom, baseada nun cómic do mesmo título, e inspirado á súa vez polos libros de H.P. Lovecraft. No filme, despois de visitar a seu pai no manicómio de Arkham, o neno Howard usa o Necronomicon para abrir un portal a un mundo cheo de monstros e vivir unha aventura. Entre os seus protagonistas están Ron Perlman e Christopher Plummer, emprestando as súas voces na versión orixinal.

As súas secuelas, Howard Lovecraft and the Undersea Kingdom e mais Howard Lovecraft and the Kingdom of Madness, apareceron en 2017 e 2018, e son aínda mais decepcionantes có orixinal, até o punto de causar vergoña allea.

The EndlessThe Endless é a terceira e polo de agora derradeira entrega da parella composta por Justin Benson e Aaron Moorhead. Coprotagonizada por Callie Hernandez, Tate Ellington, Lew Temple e James Jordan, narra a história de dous irmáns (interpretados polos mesmos Benson e Moorhead) que visitan un culto ao que pertenceron pero do que lograron fuxir anos atrás. A fita póde-se considerar coma unha secuela de Resolution, e contén chimpos no tempo, tres lúas nunha noite, un ser sobrenatural que controla aos cultistas, e un resultado que obriga a ver várias veces o filme para comprende-lo.

AnnihilationEn 2018 estreou-se o filme de Alex Garland Annihilation, baseado na novela homónima de Jeff VanderMeer, que á súa vez está inspirada por The Colour Out of Space, e cun elenco no que figuran Natalie Portman, Jennifer Jason Leigh, Gina Rodriguez, Tessa Thompson, Tuva Novotny e Oscar Isaac. Vai sobre unha entidade alieníxena que chega á Terra e comeza a se espallar por unha rexión, mutando as plantas e aos animáis, e facendo que todos o que entran para investigar, non volvan a saír. Ainda que está lonxe de ser unha adaptación directa, é un filme que recolle perfectamente o espírito lovecraftián. Foi un enorme fracaso nos despachos de billetes, pero a crítica ficou impresionada por ela.

Color Out of SpaceProtagonizada por Nicolas Cage e dirixida por Richard Stanley, Color Out of Space é un filme de ciéncia-ficción baseado en The Colour Out of Space. Segundo o seu director, é a primeira dunha triloxía lovecraftián que continuará coa adaptación de The Dunwich Horror, pero polo de agora a pandémia evitou que o proxecto continuase. A crítica recebiu moi ben ao filme, pero o certo é que deixa moito que desexar, non só polo particular estilo interpretativo do seu protagonista, que en certos casos non se sabe se é cómico ou dramático, senón porque semella mais un paso atrás aos tempos do cinema “B” con Roger Corman que un filme do século XXI.

The LighthouseThe Lighthouse é un filme de terror psicolóxico estreado en 2019, dirixido e producido por Robert Eggers, quen ademais escribiu o guión xunto a seu irmán Max. A película rodou-se en branco e negro cunha fasquía que tenta semellar-se aos filmes dos anos 20, e conta con Willem Dafoe e Robert Pattinson no papel de senllos fareiros que se van volvendo tolos. Pola súa atmosfera deprimente e sombría, polo tema dos monstros que chegan do mar e pola viaxe á loucura dos seus protagonistas, o filme foi comparado ás obras de Lovecraft, se ben non é adaptación de ningunha en particular.

UnderwaterE rematamos con Underwater, un filme de acción de 2020 tampouco especificamente baseado en ningunha obra de Lovecraft, pero cuxo director, William Eubank, confirmou que os monstros son Cthulhu e os Profundos. Os seus protagonistas son Kristen Stewart, Vincent Cassel, Jessica Henwick, John Gallagher Jr., Mamoudou Athie e T.J. Miller e o seu argumento xira ao redor dunha plataforma de perforación submariña na foxa das Marianas, cuxos traballadores atopan creaturas hostís após de que un terremoto destrúa as instalacións. O resultado paga a pena polos efectos especiais e polas escenas de acción, pero o seu guión deixa moito que desexar e de feito o filme foi un fracaso, que non puido recadar de volta o seu enorme investimento inicial.

E con Underwater chegamos ao final, polo momento. O andazo do corona asegúra-nos que os Mitos de Cthulhu non volverán ás pantallas nun futuro próximo, pero podemos estar seguros de que os monstros e os pesadelos lovecraftiáns continuarán axexando nos recunchos mais escuros do noso maxín á procura de regresaren cando menos o agardemos.