A Marvel xa ten spin-off para Hawkeye

663

Aínda que a série Hawkeye está a se rodar arestora, a Marvel Studios xa conta cun spin-off en desenvolvemento.

Etan Cohen e Emily Cohen serán os guionistas e produtores executivos dunha nova série centrada en Echo, un persoaxe xordo creado por David Mack e Joe Quesada, unha nativa americana interpretada por Alaqua Cox en Hawkeye.

Echo, ou Maya Lopez, que é a súa identidade secreta, ten a habilidade de imitar perfectamente os movementos doutra persoa ou o seu estilo de loita, o que a converte nunha formidábel inimiga na batalla. Nos cómics aparece canda persoaxes coma Daredevil, Moon Knight ou os Vingadores. Tamén foi a primeira persoa en ser coñecida coma Ronin, antes de que este alcume pasase ao orixinal Hawkeye, Clint Barton.

O proxecto de todos os xeitos está aínda nos seus primeiros chanzos de desenvolvemento e a equipa de guionistas ven de se reunir por primeira vez.

Hawkeye conta cun guión e produción executiva de Jonathan Igla e será protagonizado por Jeremy Renner, Hailee Steinfeld, Vera Farmiga, Florence Pugh, Fra Fee, Tony Dalton e Zahn McClarnon. A súa estrea será a finais deste ano.