Keanu Reeves protagonizará e producirá unha longametraxe con acción real e mais un anime para a tele que adapte ás pantallas a súa série de cómic Brzrkr para a Netflix.
O escritor supervendas Matt Kindt escribiu o guión e o artista da Marvel Ron Garney debuxou a série orixinal, publicada pola BOOM! Studios, e que comezou grazas a unha ideia que o mesmo Reeves levaba a desenvolver dende había vários anos.
Reeves, quen aparece nos títulos de crédito do cómic coma co-autor e co-creador, será o protagonista no papel de B, un persoaxe médio mortal e médio deus, un guerreiro de 80.000 anos de idade que loita unha brutal batalla a través dos séculos. É un home maldito e obrigado á violéncia que, despois de vagar pola Terra durante séculos, atopou un refúxio: traballar para o governo americano para se encargar das misións demasiado violentas e perigosas para calquera outro. A cámbio recibe o único que desexa: a verdade sobre a súa existéncia chea de sangue, e como remata-la.
O actor canadiano protagonizará primeiro a longametraxe e logo porá-lle a súa voz ao persoaxe no anime, que explorará diferentes elementos da história e expandirá o seu universo.
Reeves, quen ven de rematar o seu papel na cuarta entrega de The Matrix, será o produtor xunto a Stephen Hamel, Ross Richie e Stephen Christy.