Adam Wingard dirixirá aos ThunderCats

46

Adam Wingard, o realizador responsábel de Godzilla vs. Kong, ven de recibir o encargo de dirixir un filme de grande orzamento baseado na popular franquía de ThunderCats para a Warner Bros. Pictures.

Os ThunderCats comezaron a finais dos anos 80 cunha série de televisión producida pola Rankin Bass e ía sobre un grupo de gatos humanoides extraterrestres que deben fuxir do seu planeta Thundera cando este é destruído. Despois de aterrar nun novo planeta, Terra III, deberán vencer ao malvado meigo Mumm-Ra, que é enviado para mata-los.

Dan Lin e Roy Lee levan xa algún tempo vencellados a este proxecto coma produtores, e xa traballaron canda Wingard na adaptación de Death Note para a Netflix. O guión do que se ten coñecemento polo de agora foi escrito por David Coggeshall, ainda que agora Wingard quere reescribi-lo xunto a Simon Barrett.

Wingard, que é un fan de toda a vida destes persoaxes (de feito seica escribiu un guión de 272 páxinas cando aínda estaba en 4° de ESO) quere levar á propriedade “nunha dirección na que leva pensando desde hai moitos anos“. O seu plan é facer un filme híbrido entre CGI e unha fasquía hiperrealista que mesture debuxos animados e efectos xerados pro computador, “nun novo tipo de fantasía de ciéncia-ficción que ninguén viu nunca antes“, segundo dixo el mesmo.

Polo momento, o seu filme Godzilla vs. Kong estreou-se a pasada semana no mercado asiático, onde o covid está xa controlado, cuns abraiantes 123 millóns de dólares de recadación, e hoxe ten previsto comezar a súa exhibición nos Estados Unidos.