Waller-Bridge úne-se a Indiana Jones 5

67

Phoebe Waller-Bridge, a creadora e protagonista da comédia Fleabag, será a protagonista feminina xunto a Harrison Ford na agardada quinta película da saga de Indiana Jones na Paramount Pictures. O actor de 78 anos repetirá o seu emblemático papel de arqueólogo e aventureiro na longametraxe que dirixirá James Mangold e que conta unha vez mais co lendário compositor John Williams para a banda sonora.

Nun comunicado, Mangold dixo: “Estou encantado de empezar unha nova aventura, colaborando cunha equipa de soño de grandes cineastas de todos os tempos. Steven, Harrison, Kathy, Frank e John son todos os meus heroes artísticos. Cando engades a Phoebe, unha actriz fascinante, unha voz creativa brillante e a química que sen dúbida aportará ao noso estudio de gravación, non podo evitar sentir-me tan afortunado coma o mesmísimo Indiana Jones“.

Para Waller-Bridge, que tamén creou Killing Eve e colaborou no guión do filme de James Bond No Time to Die, non será a primeira vez que traballa coa Lucasfilm, porque xa fixo un papel salientábel pero pouco agradecido, o do droide L3-37 no filme de 2018 Solo: A Star Wars Story.