Cinema Toast, tostada ou refrito

136

A Showtime ven de encargar a produción da série antolóxica Cinema Toast ao creador Jeff Baena e aos produtores executivos Mark e Jay Duplass, e o mais abraiante é que a série vai chegar axiña: a semana que ven, a partir do 20 de abril.

O programa será unha “reinvención post-modernista de vellas películas” que reconverterá imaxes xa existentes que están no domínio público para narrar novas histórias orixinais.

Alison Brie, Nick Offerman, Fred Armisen, John Early, Christina Ricci, Megan Mullally, Chloe Fineman e Chris Meloni prestarán as súas voces á série de dez episódios, mentres que Baena, Jay Duplass, Mel Eslyn, Alex Ross Perry, Marta Cunningham, Aubrey Plaza, Numa Perrier, Jordan Firstman, Kris Rey e David Lowery serán os directores.

Así, por exemplo, no episódio de Cunningham Attack of the Karens veremos as imaxes de Night of the Living Dead recontextualizadas cos acontecementos vividos este pasado ano nos Estados Unidos. O capítulo de Eslyn After the End presentará ao clásico monstro de Beast From Haunted Cave nunha comédia mumblecore, e Quiet Illness, que dirixe Plaza, usará imaxes de Loretta Young para crear un thriller psicolóxico sobre unha muller moderna torturada emocionalmente.

O episódio de Perry, Report on the Canine Auto-Mechanical Soviet Threat, presentará pola súa banda unha viaxe surrealista a base de pezas do vello cinema soviético no que un rapaz vive nunha realidade na que hai coches falantes e cans telepáticos.