Os Flanagan viaxan a Marte

141

A Universal Pictures adaptará nunha longametraxe para o cinema The Season of Passage, a novela de ciéncia-ficción e terror de Christopher Pike de 1993.

Mike Flanagan, creador da série The Haunting of Hill House e director de Doctor Sleep, será o encargado de levar a cabo o proxecto, de produci-lo e de co-escribir o guión xunto ao seu irmán e habitual colaborador James Flanagan.

O libro orixinal vai sobre unha expedición americana a Marte, que ten lugar pouco despois de que outra rusa se perdera antes de chegaren eles. O mistério é saber se os rusos están mortos, ou se lles pasou algunha outra cousa. O terror comeza moito antes de que ningún deles despegue, porque xurden vívidos pesadelos e un inexplicábel temor ao planeta supostamente morto. A doutora Lauren Wagner, membro admirado e respeitado da tripulación, oe voces no interior que lle suplican que as ame.

Trevor Macy producirá o filme que supón a segunda adaptación ao cinema que Flanagan leva a cabo dunha obra de Pike. A primeira foi a série de televisión The Midnight Club que emitirá a Netflix e que conta xa cun elenco no que figuran Iman Benson, Larsen Thompson, William B. Davis, Crystal Balint e mais Patricia Drake.