Colman entra na invasión da Marvel

1146

A actriz inglesa Olivia Colman, gañadora do Oscar en 2019 coa comédia The Favourite, é a nova incorporación ao universo dos superheroes da Marvel, e está a negociar a súa entrada no elenco da série Secret Invasion que emitirá o servizo de streaming da Disney+.

Colman interpretará un papel que polo de agora non se deu a coñecer, pero moi probabelmente non será a vilá, un rol xa reservado a Kingsley Ben-Adir.

A série continuará as histórias xa vistas en Captain Marvel e Spider-Man: Far from Home e presentará coma protagonista unha vez mais ao axente da S.H.I.E.L.D. Nick Fury (Samuel L. Jackson) e aos Skrull, a raza de metamorfos que está a se infiltrar na Terra. Ben Mendelsohn repetirá o seu papel de Talos.

Kyle Bradstreet (Mr. Robot) é o guionista e produtor executivo e a rodaxe ten previsto comezar en outono en diversas localizacións de Inglaterra e mais Europa.

ACTUALIZACIÓN 21.04.21: Emilia Clarke, a inesquecíbel Khaleesi de Game of Thrones, é a nova incorporación á série. O seu papel concreto, o mesmo có de Colman, é polo de agora descoñecido.