A secuela de 47 Ronin xa ten guionistas

166

A planeada secuela do filme fantástico e de artes marciáis 47 Ronin ven de se facer cun par de salientábeis incorporacións para o posto de guionista: a veterán actriz Aimee García (Lucifer) e mais a escritora supervendas AJ Méndez encargarán-se do guión desta longametraxe, que producen a Universal 1440 Entertainment e a Netflix.

A história está ambientada 300 anos no futuro nun exótico mundo cyberpunk e ofrece unha nova versión do filme de 2013 e mais da súa (mais ou menos) fonte orixinal, a escolma de obras teatráis xaponesas Chushingura. O thriller de acción e fantasía incorporará asemade elementos de terror xunto aos xa agardados samuráis e ninjas e contará coa direción de Ron Yuan (Mulan).

O filme orixinal fora dirixido por Carl Rinsch a partir dun guión de Chris Morgan e Hossein Amini, e estivo protagonizado por Keanu Reeves. A crítica considerou-no un fracaso, que non puido pasar dos 150 millóns de recadación, mália contar cun orzamento de 225.

Nunha declaración oficial, García dixo: “AJ e eu estamos encantadas de escribir unha película de acción diversa e inclusiva. A visión do director Ron Yuan de mesturar as artes marciais, o terror, o ciberpunk e a acción foi inspiradora e quereríamos agradecer á equipa de 1440 polo seu apóio. Como creadoras de cór, sentímo-nos honradas de formar parte dunha história moderna e multicultural con poderosas protagonistas femininas“.

Esta non é a primeira colaboración de García e Méndez, que son co-autoras da série de cómic Glow, baseada na propriedade da Netflix, e escribiron en Dungeons and Dragons para a IDW Publishing, así coma en Wonder Woman para a DC Comics, nun número que aparecerá en xullo.