Biblioteca Lovecraft Dixital

2646

A Urco Editora anúncia que a partir de onte 23 de abril, día do libro, recuperan os catorce volumes da súa Biblioteca Lovecraft e, coa vontade de lle dar unha nova vida, reeditan-a para que todo o mundo a poida lér gratis na internet.

Hai dez anos a Urco decidiu acometer o titánico proxecto de traducir e editar a narrativa completa de H.P. Lovecraft en língua galega. Segundo din, chegaron antes de tempo, pois é agora cando estamos a asistir ao rexurdimento do terror e a fantasía, mentres que unha década atrás só eran unha extravagáncia do sistema. E dado que xa dende o seu mesmo comezo, os piares que alicerzaron este proxecto foron as licenzas Creative Commons e o uso de software libre, entregan á comunidade a súa Biblioteca Lovecraft Dixital, organizada en catorce volumes coidadosamente reeditados e maquetados para calquera dispositivo capaz de reproducir o formato ePub.

E como colofón, xuntan un décimo quinto tomo onde se compendian distintos ensaios breves que axudan a comprender o contexto e a obra, así como ferramentas didácticas para a súa aplicación no ensino. A língua galega convérte-se así na primeira do mundo en contar coa narrativa completa do Solitario de Providence traducida, editada e dispoñíbel de maneira libre e gratuíta para o público.

Desta maneira, aseguran, “desexamos que un dos traballos centrais da nosa carreira editorial, a Biblioteca Lovecraft, perdure moito máis aló do que tardan os libros en desaparecer nos andeis, afogados polas novidades. E quen sabe? Se cadra este acto de liberación dá nova vida ás edicións impresas“.

Os quince tomos da biblioteca póden-se atopar aquí de balde, pero se os prefires en formato papel, aínda póden-se mercar coma sempre.