Ironheart contrata guionista

130

A guionista, poetisa, libretista, música e educadora Chinaka Hodge será a máxima responsábel da equipa de escritores de Ironheart, unha das novas séries que prepara a Marvel Studios.

A série conta en princípio coa actriz Dominique Thorne coma protagonista no papel de Riri Williams, unha estudante de 15 anos no MIT e inventora xenial que lle fai enxeñería inversa á armadura de Iron Man e crea unha nova versión mellorada de seu. O proxecto fora anunciado no día dos investidores da Disney o pasado mes de decembro, pero até agora non houbo moitos avances.

Hodge non é unha acabada de chegar ao mundo da televisión. Xa traballou con anterioridade na série Snowpiercer da TNT e noutras da elitista canle da Apple. Ademais é membro fundadora do grupo de hip hop The Getback.

A série é unha das once anunciadas pola Marvel e que están pendentes de estrea. Despois de rematar WandaVision e The Falcon and the Winter Soldier, as seguintes serán Loki e What If. Ms. Marvel e Hawkeye xa remataron as súas rodaxes, She-Hulk e Moon Knight comezaron hai pouco, e Secret Invasion está aínda en desenvolvemento.