Romero busca director para o derradeiro zombi

875

Suzanne Romero, a viúva do director George A. Romero, está á procura dun director para producir unha quinta e derradeira entrega da súa série de filmes de zombis, un xénero que o seu home non só axudou a popularizar, senón que mesmo se pode dicir que creou.

O proxecto titúla-se Twilight of the Dead, e Suzanne Romero di que leva a escribi-lo xunto a tres guionistas ao longo dos últimos anos e que está disposta a se reunir con directores para o posto. O seu marido estivo a desenvolver este derradeiro capítulo da saga até antes de morrer en 2017, coa intención de que fose o seu derradeiro testemuño no xénero. A história está ambientada nun mundo decimado no que a vida desapareceu case por completo, pero no que aínda fica algo de esperanza para a humanidade.

Os catro capítulos da saga de Romero inclúen Night of the Living Dead (1968), Dawn of the Dead (1978), Day of the Dead (1985) e Land of the Dead (2005). Ainda que dirixiu outros dous filmes de zombis posteriormente, Diary of the Dead e Survival of the Dead, en 2007 e 2009, nunca considerou que estes foran parte da mesma história.

Romero escribiu un primeiro esbozo para Twilight of the Dead xunto a Paolo Zelati, quen após da súa morte lle pediu á viúva permiso para continuar co choio e incorporar aos guionistas Joe Knetter e Robert L. Lucas para axudaren.

Nunha declaración á prensa, Romero dixo: “Dín-lle a miña benzón total sempre que puidera estar presente en todos os chanzos do camiño para que fora fiel á visión de George. Tiñamos un tratamento sólido e mais o comezo do guión. Podo dicir ao 100% que George estaría incríbelmente feliz de ver que isto continuara. Quería que este fora o seu derradeiro selo no xénero dos zombis… ainda que outra persoa leve o facho coma director, é en grande medida un filme de George A. Romero“.