Nolan e Joy traen o terror á Amazon

225

Jonathan Nolan e mais o selo Kilter Films de Lisa Joy desenvolverán Unknown, unha nova série de terror antolóxica que será polo menos parcialmente fantástica, para a Amazon Studios. Craig Macneill (Lizzie) e Clay Chapman (The Boy) están polo momento vencellados ao proxecto.

A série tentará explorar a liña entre o folclore e o crime real cunha primeira tempada na que dous irmáns tratan cun espírito que leva anos enmeigando a infame área coñecida coma os campos da morte de Texas.

A área, de 100.000 metros cadrados, atópa-se preto da autoestrada interestatal 45 nos Estados Unidos, e ao longo dos anos converteu-se nun auténtico vertedoiro para cadáveres. Nos últimos anos descubríron-se trinta corpos, maiormente de mulleres.

O proxecto non garda relación nin coa adaptación ás pantallas do videoxogo Fallout nin coa série thriller de ciéncia-ficción The Peripheral que protagoniza Jack Reynor, mália que tanto Nolan coma Joy están vencellados asemade aos mesmos na Amazon.