A HBO Max producirá García, o supersoldado español

603

HBO Max, que chegará a Europa a finais deste ano, ven de anunciar unha nova série orixinal titulada García!, que se producirá en España, baseada na popular novela gráfica homónima dos autores Santiago García e Luis Bustos, e que chegará ás pantallas o ano que ven.

Miguel Salvat, Steve Matthews e Antony Root, o trío responsábel do thriller 30 Monedas de Álex de la Iglesia, úne-se de novo coma produtores executivos nesta série de seis horas.

García! é un proxecto cunha enorme ambición narrativa e visual épica. Os detalles mais pequenos combinan-se para se converteren nunha série de aventuras cheia de acción, que ás veces honra as grandes tradicións do xénero, pero ás veces as fai saltar polo aire. En García!, aínda que vemos unha España que cambiou aldo nas últimas décadas, algúns elementos seguen a ser os mesmos“, dixo Salvat.

Ambientada na España actual, o cómic, publicado por Astiberri Ediciones, xoga coa incerteza cultural e social dun país que continúa a loitar contra as pantasmas do seu pasado ditatorial, no que rexurden vellos sentimentos e se agudizan as divisións políticas. Nesta historia, unha moza reporteira de investigación chamada Antonia, interpretada por Veki Velilla, descubre a verdade que hai atrás dunha conspiración franquista de hai décadas.

No cúmio do seu poder, nos anos 50, o ditador Franco fixo conxelar crioxénicamente a García, o seu principal axente. Hoxe, tras 60 anos de hibernación, o supersoldado de forza e axilidade sobrehumáns, semellante ao Capitán América, é desconxelado pola reporteira. Pero García é un soldado co cerebro lavado para ser unha máquina de seguir ordes, unha relíquia dunha época pasada que loita por se adaptar ao século XXI. Agora deberá confiar en Antonia para que lle axude a se aclimatar, mentres ela necesita a súa experiéncia para acabar cun sinistro complot clandestino que pretende destruír a democrácia e restablecer a ditadura.

Francisco Ortiz (El Cid) interpretará o papel protagonista, nun elenco no que tamén están Emilio Gutiérrez Caba, Francisco Reyes, Nico Romero, Helio Pedregal, Mario Pardo, Miki Molina, Marina Gatell, Pepe Ocio e Silvia Abascal.

Sara Antuña e Carlos de Pando son os co-creadores da série e encargados dos guións. O realizador e compositor Eugenio Mira dirixirá os seis episódios da série, producida pola Zeta Studios (El vecino) para a WarnerMedia.