Regina King dirixirá Bitter Root

152

Após de ficar o último ano no limbo, a película Bitter Root da Legendary Pictures comeza a se mover, e a directora Regina King (a quen os fans do xénero fantástico relembrarán mais polo seu traballo de actriz en séries coma Watchmen e The Leftovers) é a escollida para encabezar o proxecto.

Ryan Coogler, Zinzi Coogler e Sev Ohanian están xa a bordo coma produtores deste filme, que adaptará ao cinema a série de cómic homónima, ambientada no rexurdimento de Harlem (New York) en 1924.

A história vai sobre os Sangery, unha família de cazadores de monstros que cazan ou curan aos infectados por unha forza sobrenatural que se alimenta dos prexuízos da era, transformando aos homes en monstros. Agora, os membros superviventes do clan deberán enfrontar-se á inevitábel elección de salvar ou matar ás creaturas, coa esperanza de esquivar unha invasión.

Os creadores do cómic, David F. Walker, Sanford Green e Chuck Brown, participan coma produtores executivos. Bryan Edward Hill, que está a escribir unha nova versión dos Power Rangers para a eOne, está tamén ocupado co esbozo do guión.