O remake de The Hunger fai-se cunha directora

729

A realizadora Angela Robinson, quen conta cunha ampla experiéncia en temas LGBT nos seus filmes, está a negociar os derradeiros flocos dun contrato coa Warner Bros. Pictures para se converter na directora do remake de The Hunger, a famosa longametraxe de terror erótica e de vampiros que dirixiu o daquela debutante Tony Scott en 1983 para a MGM/UA.

O argumento do filme orixinal, que estaba protagonizado por Catherine Deneuve, David Bowie e Susan Sarandon, ía sobre un triángulo amoroso entre unha doutora especializada en investigacións do soño e da idade (Sarandon), e mais unha parella de vampiros. Estaba mais ou menos adaptado a partir dunha novela homónima de 1981 escrita por Whitley Strieber (quen se fixo logo de ouro cunha novela de conspiración extra-terrestre) e contaba cun guión de Ivan Davis e Michael Thomas.

Após da súa estrea no Festival de Cannes, The Hunger tivo unha acollida máis ben fría por parte da crítica, pero axiña acadou un status de filme de culto dentro da subcultura gótica. A súa canzón Bela Lugosi’s Dead, do grupo Bauhaus, converteu-se en todo un himno para os admiradores do vampirismo.

A finais de 2009 a Warner Bros. anunciara plans para facer un remake, cun guión esta vez do mesmo Strieber, pero o proxecto nunca saíu adiante. Agora, coa produción de Greg Berlanti, Sarah Schechter e Mike McGrath, agardan contar con mais sorte. Jessica Sharzer será a encargada de escribir o guión.