As Colunas

0
316

coluna1As ciclópeas colunas xónicas alzaban-se contra o horizonte, fundindo-se alén dos cúmulos nubosos que, indolentes, eslizaban-se polo ceo. Evidéncias dos séculos que transcorreran desde a sua construcción, en épocas pretéritas alleas ao nacemento dos homes, se reflectian no seu fuste, castigado pola climatoloxía adversa do deserto sahariano. Levaban milleiros de vistas agochas, envoltas nun halo de misticismo, e por primeira vez amosaban-se ante os ollos dun home, insinuantes, convidando-me a encaramarme a unha delas e traspasar o negro veo da iñoráncia.

Axiña tiven que admitir o seu maiúsculo poder de atracción e abandonar toda esperanza de resisténcia, pois avocaba ao fracaso. Ao percorrer coa ollada os seus baseas formaban-se na miña mente imaxes caóticas, xanelas a outros planos da existéncia que facian palidecer ás mais mouras representacións do mal coñecidas.

Unha mistura de ilusións se entrelazaba nunha danza visual fronte aos meus ollos, e en absoluto siléncio esvaecia-se, esquecendo no ar trazas dunha névoa embriagadora. Non existe home vivo que fose capaz de evitar cair na astuta trampa que as ancianas colunas tendian, ou alomenos son as palabras que emprego como consolo para xustificar os meus actos.

Camiñei até unha delas, a mais cercana, e detiven-me a escasa distáncia, contemplándoa con respeito reverencial. Non poderia precisar que pensamentos albergaba a miña mente cando, enchendo de ar os meus pulmóns cunha profunda inspirazón, esbocei un sorriso e comecei a escalada. Na eleizón da coluna que debia conducir-me ao meu destino non houbo premeditación; permitin que a miña intuición natural e unha pisca de chou me guiasen en tan arriscada aventura. Sentin mentres avanzaba cara as nubes o tacto marmóreo da sua superfície, que lonxe de dificultar o ascenso o favorecia, espoleándome. Cheguei a pensar durante uns intres que non escalaba, se non que voaba cofando coas xemas dos dedos aquel delirio expresionista.

Ao atinxir os cúmulos nubosos comprendin que todas as leis do mundo ficaran atrás, esquecidas e murchas. As nubes que agora me rodeaban, contaxiando-me a sua triste fumidade, se encontraban a milleiros de metros de altura, e non transcorreran mais que escasos minutos desde o comezo do meu escalado. Ao descobrir a cúspide da coluna puiden afirmar sen reparos que conceitos como tempo e distáncia foran desterrados ao esquecimento, enterrados naquel vello mundo do que sempre soñara escapar.

Ante a miña ollada abraiada alzaba-se a mais fermosa das cidades. Ao intre sentin-me cativado pola descoberta e lancei-me a percorré-la como un corredor de fondo que devece por atinxir a meta. Internei-me por amplas avenidas lastradas, tachonadas de estátuas de bronce, que desembocaban en paraxes de insólita beleza. Descobrin un colosal pazo de ouro, de torres greladas e enormes ventanais. Detiven-me xunto a unha fonte de pedra, a sua base colmada de esmeraldas, rubís e diamantes perdidos nun labirinto de arabescos. Admirei un mouro monolito de mármore negra emprazado no centro dunha praza rodeada de brillantes. Camiñei e camiñei durante horas, deleitándome coas suas ruas e as suas edificacións, até que cheguei a un parque agachado na penumbra.

Reflexionei entón sobre a miña viaxe, e descobrin que chamaba a miña atenzón a auséncia de vida. Naquel parque todas e cada unha das plantas ás que me acheguei me mostraron pétalos de esmeralda, flores de xade e diamante. Na sua mesma eséncia sentia-as como meras falsacións, un burdo engano para viaxeiros descoidados. Acheguei-me até as árbores, só para constatar que os seus troncos respondian á textura da mármore branca, e as suas follas de esmeralda lanzaban destellos baixo a luz mortecina do sol.

Que marabilloso lugar! Canta beleza reunida! Sen embargo, lonxe de proporcionar paz ao meu espírito, provocaba no meu interior unha sensazón de desacougo e temor que ourizaba o vello da miña pele.

As colunasSeica aquel lugar era temebel? Agochaba segredos arcaicos, traxédias horríbeis que non podian ser reveladas aos homes? Para a miña desgraza, aquelas perguntas axiña serian respondidas. Abandonei o parque con pesar e dirixin-me ás avenidas que conducian ao centro da cidade, acompañado polo rítmico son que os meus zapatos facían ao camiñar sobre o chan lastrado. Cheguei á praza central e observei a marabillosa construcción que tiña ante min. Un pazo arabesco, cuxo minarete semellaba estender-se até o infindo, feito de mármore vermello e xade, erguia-se no centro da praza. Ao seu redor aparecian multitude de estátuas de bronce, representando homes e mulleres sentados, en pé ou tombados. Todos coa fascinación reflectida nas suas faces, todos observando en silenzo o pazo.

coluna2Daquela un calofrio percorreu a miña espiña dorsal coma o latigazo da tortura inesperada. Os rostos nas estátuas, as suas faccións talladas con enfermizo esmero. Agora, cando o tempo perdeu o seu valor e reflexiono con calma sobre iso, sei que aquela revelación puido salvar-me do meu destino. Pero non-o fixo. Estarrecido, présa do pánico e a desesperación, abandonei toda precaución e corrin cara as colunas na procura da salvación. Ao meu redor o meigallo desaparecera. Descobrin daquela multitude de estátuas repartidas como báguas por toda a cidade. Nas fontes, nos parques, nas rúas. E descobrin con horror os edifícios, aquilos edifícios sen portas que non albergaban vida no seu interior.

Cando atinxin as colunas deixei-me cair, tal era o meu estado emocional. Nunca poderei esquecé-lo. Sentin as nubes enchoupando o meu corpo, o vento acariñando o meu rosto. E ao cair a terra, aquel són maldito. Coido que entón, ao comprobar que seguia vivo, desmaiei-me. Transcorreron xa moitos anos desde entón, e ainda lembro aquel intre con pavor. Porque cando o meu corpo atinxiu o chan, o són que chegou até os meus ouvidos foi o do ferreiro cando peta a espada co martelo.

Pero… silenzo. Ouvin algo. Si. Alguén veu. Outro inocente atopou as colunas. Cando se detén xunto a min, tento berrar, avisalo do perigo.

Non podo.

É imposíbel para unha estátua de bronce falar