A Netflix ven de anunciar a produción de tres proxectos de debuxos animados que chegarán da man de creadores asiático-americanos, entre eles ún de alto orzamento que conta co actor e director Stephen Chow (Kung Fu Hustle, Shaolin Soccer).
Anthony Stacchi (The Boxtrolls) dirixirá The Monkey King, unha nova versión da clásica novela chinesa do século XVI Xī Yóu Jì (“Viaxe ao Oeste” en galego) que inspirou moitísimas adaptacións, entre elas a série xaponesa dos anos 70 Monkey, o videoxogo Enslaved: Odyssey to the West, ou o comezo da mesma saga de Dragon Ball.
Nesta nova versión, un mono especial loita contra deuses, demos, dragóns, e a súa própria fachenda. Jimmy O. Yang, Bowen Yang, Jolie Hoang-Rappaport, Jo Koy, Ron Yuan, Hoon Lee, Stephanie Hsu, Andrew Pang, Andrew Kishino, Jodi Long, James Sie e BD Wong porán-lle as voces aos protagonistas.
Chow será o produtor executivo do filme, que é o segundo que fai baseado nesta mesma história após de Journey to the West: Conquering the Demons en 2013, do que foi co-director.
Ademáis a Netflix anúncia a chegada dunha série de debuxos animados baseada na mitoloxía do sul de Ásia e titulada Boons and Curses, cuxo protagonista é un heroe dun metro de altura feito de manteiga que loita contra o raxá e o seu exército de monstros na máxica terra de Maya.
O terceiro proxecto é Mech Cadets, unha série animada baseada no cómic Mech Cadet Yu da Boom! Studios con Aaron Lam coma guionista e produtor executivo. Ambientada no futuro, a história vai sobre un conserxe adolescente na académia militar Sky Corps que soña con pilotar un Robo Mech.
Os tres proxectos chegarán ás nosas pantallas en 2023.