A actriz Amber Midthunder (Kerry en Legion e Rosa en Roswell, New Mexico) ven de se facer co papel protagonista do novo filme do realizador de Skulls, Dan Trachtenberg, que será a nova entrega da franquía de Predator na 20th Century Studios.
A actriz, de orixe índia americana, rematou hai pouco a rodaxe do thriller The Ice Road canda Liam Neeson. Nesta ocasión o seu papel será o dunha muller comanche que vai contra as normas e as tradicións de xénero para se converter nunha guerreira. Como van facer encaixar este argumento na franquía de Predator non está nada claro, pero posibelmente sexa un filme con pouco diálogo e moita acción.
A rodaxe dará comezo axiña en Calgary (Canadá) a partir dun guión de Patrick Aison e coa produción de John Davis.