Aire frío

0
350

airefrio1Peden-me que explique por que temo as correntes de aire frío, por que aterezo mais ca outros ao entrar nun cuarto frio e semella como se sentise náuseas e repulsión cando o fresco vento do anoitecer comeza a se eslizar por entre a calurosa atmosfera dun apacibel dia outonal. Segundo alguns, reacciono fronte ao frío como outros o fan fronte aos cheiros, impresión ésta que non negarei. O que farei é referer o caso mais espeluznante que me aconteceu, para que vostés xulguen en consecuencia se constitue ou non unha razoada explicación desta peculiaridade miña.

É un engano crer que o horror se asocia inextricabelmente coa escuridade, o silenzo e a soidade. Eu dei-me de bruces con el en plena tarde, en pleno axetreo da grande urbe e en meio do bulicio próprio dunha destartalada e modesta pensión, en compaña dunha prosaica patrona e dous fornidos homes. Na primavera de 1923 conseguira un traballo abondo monótono e mal remunerado nunha revista da cidade de New York; e vendo-me imposibilitado de pagar un substancioso aluguer comecei a me mudar dunha pensión barata a outra na procura dun cuarto que axuntase as cualidades dunha certa limpeza, un mobiliario que puidese pasar e un prezo o mais razoabel posíbel. Axiña comprobei que non ficaba mais remedio que escoller entre solucións malas, pero tras algun tempo recalei nunha casa situada na rua Catorce Oeste que me desagradou abondo menos que as outras nas que me aloxara até entón.

O lugar en cuestión era unha mansión de pedra vermella de catro andares, que debia datar de finais da década de 1840, e provista de mármore e obra de marquetería cuxo ferruxoso e descolorido esplendor era mostra da esquisita opuléncia que debeu ter noutras épocas. Nos cuartos, amplos e de teito alto, empapeladas co pior gosto e adornadas con artesonado de escaiola, habia un persistinte cheiro a fumidade e a duvidosa cociña. Pero os chans estaban limpos, a roupa de cama podia pasar e a auga quente á penas cortaba-se ou enfriaba, de forma que cheguei a considerá-lo como un lugar cando menos suportabel para hibernar até o dia no que puidese voltar realmente a viver. A patrona, unha esfarrapada e case barbuda muller española apelidada Herrero, non me importunaba con faladurías nen se queixaba cando deixaba acendida a luz até altas horas no vestíbulo do meu terceiro andar; e os meus parceiros de pensión eran tan pacíficos e pouco comunicativos como desexaria, tipos toscos, españois na sua maioría, á penas co menor grau de educación. Só o estrepito dos coches que circulaban pola rua constituía unha auténtica moléstia.

Levaria alá unhas tres semanas cando se produciu o primeiro estraño incidente. Unha noite, a iso das oito, oín como se caisen pingas no chan e de súpeto advertin que levaba un pouco respirando o acre cheiro característico do amoníaco. Tras botar unha ollada ao meu redor, vin que o teito estaba húmido e pingaba; a fumidade procedia, seica, dun ángulo da fachada que daba á rua. Desexoso de corta-la na sua orixe, dirixin-me á planta baixa para llo dicer á patrona, quen me segurou que o problema se solucionaria de contado.

– O doutor Muñoz – dixo en voz alta mentres corria escadas en riba diante de min -, debeu derramar algun produto químico. Está enfermo de máis para coidar de si mesmo – cada dia que pasa está mais enfermo -, pero non quere que ninguén lle atenda. Ten unha enfermidade moi estraña. Todo o dia pasa-o tomando baños dun cheiro moi raro e non pode excitar-se nen acalorarse. El mesmo fai-se a limpeza; o seu pequeno cuarto está cheo de botellas e de máquinas, e non exerce de médico. Pero noutros tempos foi famoso – o meu pai oiu falar del en Barcelona -, e non fai moito lle curou ao fontaneiro un brazo que se ferira nun acidente. Xamais sae. Todo o mais ve-se-lle de vez en cando na terraza, e o meu fillo Esteban lle leva ao cuarto a comida, a roupa limpa, as medicinas e os preparados químicos. Meu Deus, hai que ver a sal de amoníaco que gasta ese home para estar sempre fresco!

Mrs. Herrero desapareceu polo burato da escada en dirección ao cuarto andar, e eu voltei ao meu cuarto. O amoníaco deixou de pingar e, mentres recollia o que se vertera e abria a xanela para que entrase aire, oí enriba os macilentos pasos da patrona. Nunca ouvira falar ao doutor Muñoz, a excepción de certos sons que semellaban mais ben próprios dun motor de gasolina. O seu andar era calmo e á penas perceptibel. Por uns intres inquirin-me que estraña doenza podia ter aquel home, e se a sua teimada negativa a calquera auxilio provinte da exterior non seria senon o resultado dunha extravagáncia sen fundamento aparente. Hai, ocorreu-se-me pensar, un tremendo pathos no estado daquelas persoas que en algun momento da sua vida ocuparon unha posición alta e posteriormente perdérona.

Aire frio: un fotograma do filmeTalvez non coñecera nunca ao doutor Muñoz, de non ter sido polo ataque ao corazón que de súpeto sofrin unha mañá mentres escrebia no meu cuarto. Os médicos advertiran-me do perigo que corria se me sobreviñan tales accesos, e sabia que non habia tempo que perder. Asi pois, lembrando o que a patrona dixera verbo dos cuidados emprestados por aquel enfermo ao obreiro ferido, arrastrei-me como puiden até o andar superior e petei á porta xusto encima da miña. Os meus golpes foron contestados en bo inglés por unha estraña voz, situada a certa distáncia á direita da porta, que perguntou cal era o meu nome e o obxecto da miña visita; aclarados ambos pontos, abriu-se a porta contigua á que eu chamara.

Un sopro de aire frío saiu a receber-me a maneira de saúdo, e ainda que era un deses dias calurosos de finais de xuño, me puxen a aterecer ao traspasar o limiar dunha ampla estáncia, cuxa elegante e suntuosa decoración surprendeu-me en tan destartalado e mugriento niño. Unha cama pregabel desempeñaba agora o seu diurno papel de sofá, e os móbeis de caoba, luxosas cortinas, antigos cadros e andeis facian pensar mais no estudo dun señor de boa crianza que no cuarto dunha casa de hóspedes. Puiden ver que o vestíbulo que habia encima do meu – o “pequeno cuarto” enchido de botellas e máquinas ao que se referira Mrs. Herrero – non era senon o laboratório do doutor, e que o principal cuarto era a espazosa peza contigua a éste cuxos confortabeis nichos e amplo cuarto de baño lle permitian ocultar todos os aparadores e engorrosos enxeños utilitários. O doutor Muñoz, non cabía dúvida, era todo un cabaleiro culto e refinado.

A figura que tiña perante min era de estatura baixa pero extraordináriamente ben proporcionada, e levaba un traxe un tanto formal de excelente corte. Unha cara de nobres faccións, de expresión firme ainda que non arrogante, adornada por unha recortada barba de cor gris metálica, e uns anticuados quevedos que protexian uns escuros e grandes ollos coroando un nariz aguileño, conferían un toque mouruno a unha fisonomía polo demáis predominante ibérica. O abundante e ben cortado pelo, que era proba de pontoais visitas ao barbeiro, estaba partido con graza por unha raia encima da sua respeitabel fronte. O seu xeito xeral suxeria unha intelixéncia fóra do corrente e unha crianza e educación excelente.

Non obstante, ao ver ao doutor Muñoz en meio daquel chorro de aire frío, experimentei unha repunáncia que nada no seu xeito semellaba xustificar. Só a palidez da sua tez e a extremo frialdade do seu tacto poderian ter proporcionado un fundamento físico para semellante sensazón, e mesmo ambos defeitos eran excusabeis habida conta da enfermidade que padecía aquel home. A miña desagradabel impresión puido tamén deber-se a aquel estraño frío, pois non tiña nada de normal en tan caluroso dia, e o anormal suscita sempre aversión, desconfianza e medo.

Pero a repunáncia cedeu axiña paso á admiración, pois as extraordinárias dotes daquel singular médico se puxeron ao ponto de manifesto a pesar daquelas xeadas e tremorosas mans polas que semellaba non circular sangue. Abondou-lle unha ollada para saber o que me pasaba, sendo os seus auxilios dunha destreza maxistral. Ao tempo, tranquilizaba-me cunha voz firmente modulada, ainda que estrañamente oca e carente de todo timbre, dicendo-me que el era o mais implacabel inimigo da morte, e que gastara a sua fortuna persoal e perdera a todos os seus amigos por se adicar toda a vida a estraños experimentos para achar a forma de deter e extirpar a morte. Algo de benevolente fanatismo semellaba advertir-se naquel home, mentres seguia falando nun ton case locuaz ao tempo que me auscultaba o peito e misturaba as drogas que apañara do pequeno cuarto destinado a laboratório até conseguir a dose debida. Evidentemente, a compaña dun home educado debeu semellar-lle unha rara novidade naquel miserábel antro, de aí que se lanzase a falar mais acostumado a medida que rememoraba tempos mellores.

A sua voz, ainda que algo rara, tiña alomenos un efeito sedante; e nen sequera puiden perceber a sua respiración mentres as fluídas frases saían con esquisito esmero da sua boca. Tratou de me distrair das miñas preocupacións falando-me das suas teorias e experimentos, e lembro con que tacto consolou-me acerca do meu fráxil corazón insistindo en que a vontade e a conciéncia son mais fortes cá vida orgánica mesma. Dicia que se lograba manter-se saudabel e en bo estado o corpo, podia-se, mediante o esforzo científico da vontade e a conciéncia, conservar unha espécie de vida nervosa, calesqueira que fosen os graves defeitos, disminucións ou mesmo ausencias de órgaos específicos que se sofresen. Algun dia, dixo-me meio en brincadeira, aprenderia-me como viver, ou alomenos, levar unha certa existéncia consciente, sen corazón! Pola sua parte, sofria dunha série de doenzas que lle obrigaban a seguir un réxime moi estrito, que incluía a necesidade de estar exposto constantemente ao frío. Calquera aumento apreciabel da temperatura podia, caso de se prolongar, afectar-lle fatalmente; e lograra manter o frío que reinaba na sua estáncia – duns 11 a 12 graus – grazas a un sistema absorbente de enfriamento por amoníaco, cuxas bombas eran accionadas polo motor de gasolina que con tanta frecuéncia oia desde o meu cuarto situado xusto embaixo.

Recuperado do ataque nun tempo extraordináriamente breve, sain daquel lugar xelado convertido en fervente discípulo e devoto do xenial recluso. A partir dese dia, fixen-lle frecuentes visitas sempre co abrigo posto. Escoitaba-lle atentamente mentres falaba de secretas investigacións e resultados case calofriantes, e un estremecemento apoderou-se de min ao examinar os singulares e espantosos volumes antigos que se aliñaban nos andeis da sua biblioteca. Debo engadir que me atopaba xa case completamente curado da miña doenza, grazas aos seus acertados remédios. Seica o doutor Muñoz non desdeñaba os esconxuros dos medievalistas, pois cria que aquelas fórmulas crípticas contiñan raros estímulos psicolóxicos que ben poderian ter efeitos indecibeis sobre a substáncia dun sistema nervoso no que xa non se desen latexos orgánicos. Abraiou-me grandemente o que me contou do anciano doutor Torres, de Valéncia, con quen realizou os seus primeiros experimentos e que lle atendeu a el no decurso da grave enfermidade que padeceu 18 anos atrás, e da que procedian os seus actuais transtornos. Ao pouco tempo de salvar ao seu colega, o anciano médico sucumbiu vítima da grande tensión nervosa a que se viu sometido, pois o doutor Muñoz me susurrou claramente ao oido – ainda que non con detalle – que os métodos de curación empregados foran de todo ponto excepcionais, con terapéuticas que non serian seguramente do agrado dos galenos de cuño tradicional e conservador.

A medida que transcorrian as semanas, observei con dor que o xeito físico do meu amigo ia desmellorándose, amodo pero irreversíbelmente, tal como me dixera Mrs. Herrero. Intensificou-se o lívido xeito da sua face, a sua voz fixo-se mais oca e indistinta, os seus movementos musculares perdian coordinación de dia en dia e o seu cerebro e vontade desplegaban menos flexibilidade e iniciativa. O doutor Muñoz semellaba dar-se perfeita conta de tan lamentabel empioramento, e pouco a pouco a sua expresión e conversación foron adquirindo un matiz de horríbel retranca que me fixo recobrar algo da indefinida repunáncia que experimentei ao coñecer-lle. O doutor Muñoz adquiriu co tempo estraños caprichos, afeizoando-se ás espécias exóticas e ao incenso egipcio, até o ponto de que o seu cuarto impregnou-se dun cheiro semellante ao da tumba dun faraón enterrado no Val dos Reis. Ao mesmo tempo, a sua necesidade de aire frío foi en aumento, e, coa miña axuda, ampliou os conductos de amoníaco do seu cuarto e transformou as bombas e sistemas de alimentación da máquina de refrixeración até lograr que a temperatura descendese a un ponto entre un e catro graus, e, finalmente, mesmo a dous baixo cero; o cuarto de baño e o laboratório conservaban unha temperatura algo mais alta, a fin de que a auga non se xease e puidesen dar-se os procesos químicos. O hóspede que habitaba no cuarto contiguo queixou-se do aire glacial que se filtraba a través da porta de comunicación, asi que tiven que axudar ao doutor a pór unhas tupidas cortinaxes para solucionar o problema. Unha espécie de crecente horror, desmedido e morboso, semellou apoderarse del. Non cesaba de falar da morte, pero estalaba en xordos risos cando, no decurso da conversa, aludía-se con suma delicadeza a cousas como os preparativos para o enterro ou os funerais.

Co tempo, o doutor acabou convertendo-se nunha desconcertante e até desagradabel compaña. Pero, na miña gratitude por me ter curado, non podia abandoar-lle nas mans dos estraños que lle rodeaban, asi que tiven bo coidado de limpar o seu cuarto e atender-lle nas suas necesidades cotidiás, embutido nun groso gabán que me merquei especialmente para tal fin. Asimesmo, facia-lle o groso das suas compras, ainda que non saía do meu estupor ante alguns dos artigos que me encarregaba mercar nas farmácias e armacéns de produtos químicos.

airefrio2Unha crecente e indefinibel atmosfera de pánico semellaba desprenderse da sua estáncia. A casa inteira, como xa dixen, despedia un cheiro a fumidade; pero o cheiro dos cuartos do doutor Muñoz era ainda pior, e, non obstante as espécias, o incenso e o acre, perfume dos produtos químicos dos agora incesantes baños – que insistia en tomar sen axuda algunha -, comprendin que aquel cheiro debia gardar relazón coa sua enfermidade, e me estremecin ao pensar cal poderia ser. Mrs. Herrero persignaba-se cada vez que se cruzaba con el, e finalmente abandonou-no por inteiro nas miñas mans, non deixando sequera que o seu fillo Esteban seguise facendo-lle os mandados. Cando eu lle suxeria a conveñéncia de avisar a outro médico, o paciente montaba no máximo estado de cólera que semellaba atrever-se a atinxir. Temia sen dúvida o efeito físico dunha violenta emoción, pero a sua vontade e coraxe medraban en lugar de minguar, negando-se a meter-se na cama. A laxitude dos primeiros dias da sua enfermidade deu paso a un retorno do seu veemente ánimo, até o ponto de que semellaba desafiar a berros ao demo da morte inda cando correse o risco de que o tradicional inimigo se apoderase del. Deixou de comer, algo que curiosamente sempre deu a impresión de ser unha formalidade nel, e só a enerxia mental que lle restaba semellaba librar-lle do colapso definitivo.

Adquiriu o costume de escreber longos documentos, que selaba con coidado e enchia de instruccións para que á sua morte os remitise eu aos seus destinatários. Estes eran na sua maioria das Índias Ocidentais, pero entre eles atopaba-se un médico francés famoso noutro tempo e ao que agora se daba por morto, e do que se dician as cousas mais incríbeis. Pero o que fixen en realidade foi queimar todos os documentos antes de os enviar ou abrí-los. O xeito e a voz do doutor Muñoz voltaron-se horrorosos e a sua presenza case insuportábel. Un dia de setembro, unha inesperada ollada suscitou unha crise epiléptica nun home que viñera a reparar a lámpada eléctrica da sua mesa de traballo, ataque éste do que se recuperou grazas ás indicacións do doutor mentres se mantiña lonxe da sua vista. Aquel home, abondo surprendentemente, vivera os horrores da grande guerra sen sofrer tamaña sensazón de terror.

Un dia, a meiados de outubro, sobreveu o horror dos horrores de forma pasmosamente repentina. Unha noite, a iso dos once, rompeu-se a bomba da máquina de refrixeración, polo que pasadas tres horas resultou imposíbel manter o proceso de enfriamento do amoníaco. O doutor Muñoz avisou-me dando golpes no chan, e eu fixen o imposíbel por reparar a avaria, mentres o meu viciño non cesaba de lanzar imprecacións nunha voz tan exánime e espeluznantemente oca que excede toda posíbel descrición. Os meus esforzos de afeizoado, empero, resultaron inútis; e cando ao cabo dun pouco me apresentei con un mecánico dun garaxe nocturno cercano, comprobamos que nada podia facer-se até a mañá seguinte, pois facia falta un novo pistón. A carraxe e o pánico do moribundo ermitaño adquiriron proporcións grotescas, dando a impresión de que fose a quebrar-se o que ficaba do seu debilitado físico, até que nun momento dado un espasmo lle obrigou a levar-se as mans aos ollos e precipitar-se cara o cuarto de baño. Saiu de alá a tentas co rosto fortemente vendado e xa non voltei a ver os seus ollos.

O frío reinante na estáncia comezou a diminuir de forma abondo apreciabel e ás cinco da mañá o doutor retirou-se ao cuarto de baño, ao tempo que me encarregaba lle procurase todo o xelo que puidese conseguir nas tendas e cafeterías abertas durante a noite. Cada vez que tornaba dalgunha das miñas desalentadoras correrias e deixaba o botín diante da porta pechada do baño, podia ouvir un incansábel chapoteo dentro e unha voz ronca que berraba “¡Mais! Mais!”. Finalmente, amenceu un caluroso dia, e as tendas foron abrindo unha tras outra. Pedin-lle a Esteban que me axudase na procura do xelo mentres eu me encarregaba de conseguir o pistón. Pero, seguindo as ordes da sua mai, o rapaz negou-se en redondo.

En derradeira instáncia, contratei os servizos dun lacazán de fasquía zarrapastrosa a quen atopei na esquina da Oitava Avenida, a fin de que lle subise ao paciente xelo dunha pequena tenda na que lle apresentei, mentres eu me entregaba coa maior dilixéncia á tarefa de atopar un pistón para a bomba e conseguir os servizos duns obreiros competentes que o instalasen. A tarefa semellaba interminábel, e case cheguei a montar tan en cólera coma o meu ermitaño viciño ao ver como transcorrian as horas indo de acá para alá sen alento e sen interpor alimento algún, tras moito telefonar en van e ir dun lado a outro en metro e automóbil. Serian os doce cando moi lonxe do centro atopei un armacén de repostos onde tiñan o que buscaba, e hora e meia despois chegaba á pensión co instrumental necesário e dous fornidos e avezados mecánicos. Fixera todo o que estaba na miña man, e só me ficaba esperar que chegase a tempo.

Non embergantes, un indecibel terror precedera-me. A casa estaba totalmente alborotada, e por riba do incesante parloteo das amedoñadas voces puiden oir a un home que rezaba con profunda voz de baixo. Algo diabólico aboiaba no ambiente, e os hóspedes pasaban as contas dos seus rosários ao chegar até eles o cheiro que saía por baixo da atrancada porta do doutor. Seica o tipo que contratara saiu precipitadamente dando histéricos alaridos ao pouco de tornar da sua segunda viaxe na procura de xelo: quizais se debese todo a un exceso de curiosidade. Na precipitada fuxida non puido, desde entón, pechar a porta tras de si; pero o certo é que estaba pechada e, polo que semellaba, desde o interior. Dentro non se ouvia o menor ruído, salvo un indefinibel pingo lento e espeso.

Tras consultar brevemente con Mrs. Herrero e os obreiros, non obstante o medo que me tiña atenazado, opinei que o mellor seria forzar a porta; pero a patrona achou o modo de facer xirar a chave desde o exterior servindo-se dun artilúxio de arame. Con anterioridade, abríramos as portas do resto dos cuartos daquela ala do edifício, e outro tanto fixemos con todas as xanelas. De seguido, e protexidos os narices con panos, penetramos tremendo de medo no fedento cuarto do doutor que, orientado ao mediodía, abrasaba co caluroso sol de primeiras horas da tarde.

Unha espécie de rastro escuro e visgoso levaba desde a porta aberta do cuarto de baño á porta de vestíbulo, e desde aqui ao escritório, onde se formara un horríbel charco. Enriba da mesa habia un anaco de papel, garrapateado a lápis por unha repulsiva e cega man, terríbelmente manchada, tamén, seica, polas mesmas poutas que trazaron as derradeiras palabras. O rastro levaba até o sofá en onde finalizaba inexplicábelmente.

O que habia, ou houbo, no sofá é algo que non podo nen me atrevo a dicir aqui. Pero isto é o que, en meio dun estremecemento xeral, descifrei do pringoso e embadurnado papel, antes de quitar un misto e prendé-la lume até ficar só unha pavesa, que conseguin descifrar aterrorizado mentres a patrona e os dous mecánicos saían disparados daquel infernal lugar cara a comisaría mais próxima para balbucear as suas incoherentes histórias. As nauseabundas palabras resultaban pouco menos que incríbeis naquela amarelenta luz solar, co ruxido dos coches e camións que subian tumultuosamente da abigarrada Rua Catorce…, pero debo confesar que naquel momento crin o que dician. Se as crio agora é algo que sinceramente ignoro. Hai cousas acerca das cales é mellor non especular, e todo o que podo dicir é que non suporto o mais mínimo o cheiro a amoníaco e que me sinto desfallecer ante unha corrente de aire excesivamente frío.

– Chegou o final – rezaban aqueles fedorentos garrapatos. Non fica xelo… O home lanzou unha ollada e saiu correndo. O calor aumenta por momentos, e os tecidos non poden resistir. Imaxino-me que o sabe… o que dixen sobre a vontade, os nervos e a conservación do corpo unha vez que deixaron de funcionar os órgaos. Como teoria era boa, pero non podia manter-se indefinidamente. Non contei co deterioro gradual. O doutor Torres sabia-o, pero morreu da impresión. Non foi capaz de suportar o que houbo de facer: tivo que introducir-me nun lugar estraño e escuro, cando fixo caso ao que lle pedia na miña carta, e logrou curar-me. Os órgaos non voltaron a funcionar. Tiña que facer-se á miña maneira – conservación artificial – pois, comprende?, eu falecin daquela, fai xa dezaoito anos.

(Tradución de Fran Morell)

COMPARTIR
Artigo anteriorAs Colunas
Seguinte artigoA Chamada de Cthulhu