Sandman completa o seu elenco

891

Unha dúcia mais de nomes veñen de se sumar ao elenco de Sandman, a adaptación para a tele do aclamado cómic de Neil Gaiman que producirá a Netflix, esta vez con actores reais.

Tom Sturridge será o protagonista no papel de Soño/Morfeo, e tal e coma xa se anunciara en xaneiro, estarán ademáis Gwendoline Christie coma Lucifer, Boyd Holbrook coma o Coríntio, o veterán Charles Dance coma Roderick Burgess, Sanjeev Bhaskar coma Caín, Asim Chaudhry coma Abel e Vivienne Acheampong coma Lucienne (quen no cómic orixinal era un home, Lucien).

Os novos nomes son agora os de Kirby Howell-Baptiste para o papel de Morte, Patton Oswalt prestándo-lle a voz ao corvo emisário Matthew, a ex de Doctor Who Jenna Coleman coma Johanna Constantine (unha antepasada de John Constantine), e Mason Alexander Park (Cowboy Bebop) e Donna Preston coma os xemelgos Desexo e Desesperación.

Ademáis, Niamh Walsh (Good Omens) e Joely Richardson (101 Dalmatians) farán diferentes versións de Ethel Cripp, a muller de Roderick e nai de John Dee, interpretado por David Thewlis.

Pola súa banda, a coreana Kyo Ra será Rose Walker, unha moza que busca ao seu irmán perdido. A ela unirán-se o seu protector Gilbert (Stephen Fry) e mais a súa mellor amiga (Razane Jammal). E finalmente, Sandra James Young será a misteriosa herdeira Unity Kincaid.

A New Line, a Netflix e mais a Warner Bros. Television producen a que será a série de televisión mais cara da história baseada nunha propiedade da DC Comics, se ben a vindeira Green Lantern de Greg Berlanti promete sobrepasa-la axiña.

A saga de cómic orixinal está composta por 75 números, que se publicaron entre 1989 e 1996 e que se iniciaban coa captura accidental de Soño e da viaxe que comeza cando é ceibado setenta anos despois.

Allan Heinberg (Wonder Woman) e David S. Goyer (Blade, Batman Begins) están a escribir os guións da série, da que Heinberg será o showrunner. Polo de agora a Netflix xa encargou once capítulos.