Demimonde xa está escrita

673

Aínda que coma director, J.J. Abrams ten os seus detractores, no tocante á creación de séries de televisión, ninguén lle pode discutir o seu talento: Alias, Lost ou Fringe foron todos grandes éxitos, tanto de crítica coma de audiéncia, que mesmo chegaron ao nivel de séries de culto para os fans.

Agora o director, guionista e produtor neoiorquino regresará á pequena pantalla coma creador dunha nova série de ciéncia-ficción para a HBO: Demimonde, un proxecto que se anunciou xa en febreiro de 2018 pero que ficou no limbo polo traballo de Abrams en Rise of Skywalker e logo por mor da pandémia.

Nunha recente entrevista, Abrams revelou que el mais a equipa da série puideron adiantar moito traballo, e que de feito remataron de escribir toda a primeira tempada, grazas precisamente ao andazo: “tivemos unha fenomenal xuntanza de guionistas durante un ano e… un dos salientábeis e inesperados benefícios destes por outro lado difíciles e en moitos casos dolorosos tempos foi que os proxectos nos que estivemos a traballar puideron ser xestados e cociñados“.

E engadiu: “Puidemos escribir sen as típicas urxéncias de pre-produción e produción, onde de súpeto estás a procurar localizacións e audicións, e deseño de escenários, e deseño de produción, e atrezo, e cousas, cando estás tentando imaxinar os ósos e o armazón. A beleza deste tempo en Demimonde, por exemplo, é que non só puidemos deseñar toda a tempada, senón escribi-la. Non só comprender a grandes riscos onde queremos ir no percorrido da série, senón realmente escribir o argumento“.

Da série aínda non se sabe moito, agás que será un drama íntimo de fantasía e ciéncia-ficción sobre a batalla dun mundo contra unha forza monstruosa e asoballante. Kira Snyder, Rand Ravich e Far Shariat serán os produtores executivos e showrunners para a Bad Robot Productions e a Warner Bros. Television.

Polo momento, aínda non se sabe se Abrams dirixirá algún episódio da série.