Ryan Kiera Armstrong ven de se facer co papel protagonista, o de Charlie, na nova adaptación ao cinema da clásica novela de terror e ciéncia-ficción Firestarter de Stephen King que producen a Blumhouse, a Weed Road Pictures e a Universal Pictures.
A primeira foto do filme foi dada a coñecer amosando a Armstrong coa mesma roupa que fixo famosa Drew Barrymore na fita orixinal de 1984.
A actriz, nada en 2010, non é unha novata no eido do fantástico, e leva traballando dende que tiña cinco anos tanto na televisión coma no cinema. No primeiro caso, os afeccionados a relembrarán pola nova tempada de American Horror Story, e no caso do cinema, aparece no filme IT: Chapter Two no papel da nena coa mancha vermella na face que é atacada por Pennywise.
Firestarter é a história dunha nena que desenvolve poderes piroquinéticos e é secuestrada por unha axéncia secreta do governo que quere utilizar o seu poder coma arma militar.
Zac Efron e Michael Greyeyes son os outros coprotagonistas desta longametraxe que dirixe Keith Thomas a partir dun guión adaptado por Scott Teems (Halloween Kills). Jason Blum e Akiva Goldsman son os produtores.