Após de tan só unha tempada, a Netflix ven de cancelar a adaptación para a tele do cómic Jupiter’s Legacy orixinal de Mark Millar.
O seu creador tiña grandes expectativas con esta série de superheroes, pero o certo é que a crítica a detesta (45/100 en Metacritic, 38% en Rotten Tomatoes), e as audiéncias, aínda que a Netflix non adoita dar a coñecer estes dados, non semellaban ir na boa dirección, con moitas outras séries mais ou menos semellantes que comezan a encher a grella nos últimos tempos.
Millar dixo que “tivemos que tomar a dura decisión de despedir ao noso incríbel elenco“. A primeira e agora única tempada, que se estreou tan só hai catro semanas, remata nun final con suspense que prometía moito máis, e os actores mesmo falaran na prensa das posíbeis novas tempadas.
O acordo económico da Netflix con Millar, creador doutros grandes éxitos coma Wanted ou Kick-Ass, mantén-se en pé e o contrato permíte-lle continuar traballando. De feito, seica ten previsto comezar o desenvolvemento dunha adaptación con acción real de Supercrooks, que está ambientada no mesmo mundo ficítico de Jupiter’s Legacy, pero enfocado nun grupo de superfalcatruáns que planean un monumental atraco.
O proxecto da série de anime baseada no mesmo material segue en pé. A Millarworld foi mercada pola Netflix en 2017 e Jupiter’s Legacy foi tan só a primeira obra que se adaptou.