O álien con forma de dragón Fin Fang Foom, un superfalcatruán metamorfo clásico inimigo de Shang-Chi e doutros heroes nos cómics da Marvel, non aparecerá nas pantallas nin agora, coa adaptación ao cinema pendente de estrea, nin tampouco no futuro.
O protagonista do filme, Simu Liu, dixo que algúns dos elementos mais controvertidos do material orixinal non aparecerán nas pantallas, e o dragón alieníxena, cuxo nome é altamente ofensivo para os chineses, é tan só ún dos primeiros sacrificados. Liu loubou á Marvel por non dubidar en eliminar este tipo de material estereotípico: “sabiamos que estabamos a navigar por un campo de minas potencial, especialmente no que se refire a esta propiedade que foi creada por dous homes brancos nos anos 70 no médio da moda do kung fu. Non dubidamos en arrincar o que non funciona en 2019, 2020 e 2021“.
E engadiu: “Dende o momento no que a Marvel Studios decidiu que tiña que haber unha voz para os persoaxes asiáticos e un persoaxe asiático protagonista no espazo do Universo Cinematográfico Marvel, todos eles consideraron cal era o mellor xeito de incorporar unha história que celebre a asiática e todas as súas marabillosas dimensións, e as súas fasquías e os seus matices, e que tamén celebre as artes marciais“.
Mália esta eliminación, no tráiler póde-se ver que o filme aínda inclúe algúns elementos e creaturas fantásticas. As caixas de LEGO e outros xoguetes relacionados confirmaron pola súa banda que a longametraxe incluirá un dragón de auga chamado “O Grande Protector”.
Destin Daniel Cretton dirixe a película a partir dun guión que el mesmo escribiu xunto a David Callaham e Andrew Lanham. Awkwafina, Tony Leung, Michelle Yeoh, Fala Chen, Meng’er Zhang, Florian Munteanu e Ronny Chieng coprotagonizan o filme, que se estreará o 3 de setembro.