Os Munsters de Rob Zombie

109

O músico reconvertido en director de cinema Rob Zombie (Halloween, The Lords of Salem) ven de confirmar que está xa a traballar nun relanzamento de The Munsters.

Na súa conta de Instagram anunciou onte que o filme será producido pola Universal Pictures por médio da súa división 1440 Productions, o que moi posíbelmente sinifica que será estreado directamente no servizo de streaming Peacock e non nas salas de cinema.

No seu post, Zombie dixo: “Atención monstros e monstriñas! Os rumores son certos! O meu vindeiro proxecto de filme será o que estiven a perseguir durante vinte anos! Os MUNSTERS! Ficade atentos para mais detalles emocionantes mentres a cousa avanza!

A série orixinal de 1964 ía sobre unha família de monstros amigábeis que se mudaban dende Transilvánia ás afóras dunha cidade americana. Tanto esta coma The Addams Family se converteron en iconas da cultura popular, pero The Munsters nunca acadou dar o chimpo ás pantallas de cinema.

O programa foi relanzado en 2012 cun episódio piloto no Samaín na canle NBC, pero o intento fracasou e non houbo mais. Bryan Fuller, o creador da série Hannibal, foi o responsábel daquel proxecto, titulado Mockingbird Lane e que protagonizaron Eddie Izzard, Jerry O’Connell e Portia de Rossi.