É barato de producir e ten moitos fans. O anime está de moda e a Warner Bros. Animation e mais a New Line Cinema queren facer unha nova longametraxe de debuxos animados que se estreará nas salas de cinema e que estará ambientada na Terra Média de J.R.R. Tolkien moito antes dos acontecementos de The Lord of the Rings.
Titulada The War of the Rohirrim, a longametraxe autoconclusiva centrará-se nunha das figuras mais lendárias da Terra Média: Helm Hammerhand (ou Helm Man Martelo na versión en galego), o noveno rei de Rohan. O filme ampliará a história da fortaleza que leva o nome do rei: o Abismo de Helm. Sola Entertainment (Rick and Morty) encargará-se da animación e de escoller ao elenco de actores que lle porán as voces aos protagonistas.
No proxecto inclúen-se asemade algúns talentos de grande sona. Kenji Kamiyama, animador de Akira e Jin-Roh: The Wolf Brigade e director da série orixinal de anime Ghost in the Shell: Stand Alone Complex, dirixe a película a partir dun guión do dúo de The Dark Crystal: Age of Resistance, formado por Jeffrey Addiss e Will Matthews.
Ademais, a guionista da triloxía de The Lord of The Rings no cinema e gañadora dun Oscar, Philippa Boyens, volverá para asesorar no proxecto, que está a ser “acelerado para a pantalla grande“, segundo confirman nos estudos.