O creador do cómic Spawn, Todd McFarlane, está a desenvolver unha série de acción real para a tele baseada na parella de persoaxes detectives do mesmo cómic, Sam e Twitch.
Os estudos independentes wiip están atrás deste proxecto, que conta ademais cos showrunners de Condor, Jason Smilovic e Todd Katzberg, para escribir o guión. Os dous, xunto a McFarlane, serán os produtores executivos, aos que hai que sumar o dúo do recente éxito Mare of Easttown, Paul Lee e Mark Roybal.
Polo de agora non hai estudos ou servizos de streaming vencellados, pero McFarlane quere ofrecer vender o seu universo completo de Spawn a quen se amose interesado en financiar o proxecto. O debuxante, guionista e empresário canadiano leva a desenvolver unha longametraxe co seu popular antiheroe dos cómics para a Blumhouse durante os últimos anos, pero polo de agora este proxecto, que contaba con el mesmo coma director e con Jamie Foxx coma protagonista, está detido.