Stuart escribe a série de Assassin’s Creed

111

Jeb Stuart, o case lendário guionista de clásicos filmes de acción coma Die Hard ou The Fugitive ou da película de ciéncia-ficción Leviathan, así coma co-creador de Vikings: Valhalla, ven de recibir o encargo de escribir a série con acción real Assassin’s Creed para a Netflix.

A série anunciára-se xa no pasado mes de outubro coma parte dun acordo entre a Netflix e a Ubisoft para desenvolveren contido baseado na súa popular franquía de videoxogos, pero polo de agora segue sen haber unha data de estrea fixada.

A saga de xogos comezou en 2007 e leva xa vendidas mais de 155 millóns de cópias até agora. Cada unha das entregas explora a guerra entre as ordes secretas dos Asasinos e os Templários e está ambientada nunha época distinta: a Terceira Cruzada, a Itália do Renacemento, a Revolución Americana, a era dos piratas do Caribe, a Revolución Francesa, a Inglaterra vitorián, os antigos Exipto e Grécia, a era dos viquingos…

Cada período de tempo é accesíbel dende o presente grazas ao Animus, unha máquina que permite entrar na memória xenética dos Asasinos de cada período temporal, nunha carreira para atopar e recuperar poderosos artefactos chamados as Pezas do Edén.

Jason Altman e Danielle Kreinik, da Ubisoft Film & Television, serán os produtores executivos desta nova série, que tentará seguir os pasos do filme de 2016 que protagonizou Michael Fassbender, que aínda que foi un fracaso de crítica, tivo bos números no despacho de billetes e recadou 240 millóns de dólares en todo o mundo, se ben o orzamento inicial foi de 125 millóns, polo que os benefícios non foron demasiado grandes.