O novo Transformers, unha rebelión das Bestas

73

Segundo un anúncio oficial da Paramount Pictures e a Skydance, a produción ven de comezar para a sétima longametraxe con acción real da franquía dos Transformers, que se titulará Transformers: Rise of the Beasts.

O comunicado de prensa dí que o filme “levará ao público a unha aventura mundial nos anos 90 e presentará aos Maximals, os Predacons e Terrorcons na batalla existente na Terra entre Autobots e Decepticons“.

A nova película funcionará coma continuación da história narrada en Bumblebee, que estaba ambientada no ano 1987, e adaptará a popular liña narrativa das Beast Wars, que ten lugar nos anos 90. Esta vez a acción desenvolverá-se en 1994, no barrio neoiorquino de Brooklyn e ao redor de Macchu Picchu, no Perú.

Anthony Ramos e Dominique Fishback son polo de agora os dous únicos actores confirmados para o elenco. Ramos será un militar xénio da electrónica que é coma unha espécie de figura paterna para o seu irmán pequeno. Fishback pola súa banda será unha investigadora dun museu, cuxo traballo é boicotado polo seu xefe.

Steven Caple Jr. (Creed II) será o director e Michael Bay, Lorenzo di Bonaventura, Don Murphy e Tom DeSanto serán os xa habituais produtores, esta vez acompañados de Mark Vahradian e Duncan Henderson. Di Bonaventura promete que esta entrega será mais grande ca Bumblebee e que a acción chegará aos niveis dos filmes de Bay, pero con “mais corazón e humor“.

Entre os novos Transformers que aparecerán nas pantallas poderemos ver a Arcee (Ducati 916), Mirage (un Porche 911) e Nightbird (Nissan GTR) xunto con Air Razor (un falcón), Optimus Primal (gorila), Rhinox (rinoceronte), e o líder dos Terrorcon, Scourge.

A estrea está prevista para o 24 de xuño de 2022.