Zegler é a Brancaneves real

100

Á actriz Rachel Zegler, a quen aínda teremos que agardar ao nadal para ver nas pantallas protagonizando a nova versión de West Side Story de Steven Spielberg, non para de lle chover o traballo, e o seu seguinte proxecto será a nova adaptación con acción real da Disney, Snow White and the Seven Dwarfs, na que ela será Brancaneves.

Marc Webb dirixirá esta nova versión do lendário clásico dos debuxos animados do ano 1938, baseado á súa vez nun conto de fadas dos irmáns Grimm, e que non comezará a rodaxe até o ano que ven. A nova longametraxe tentará expandir a história orixinal e mais a música do filme que serviu coma presentación no mundo do cinema da factoría Walt Disney, e desta volta co dúo de compositores responsábeis de La La Land, Benj Pasek e Justin Paul.

Nun comunicado oficial, Webb dixo: “As extraordinárias habilidades vocais de Rachel son só o comezo dos seus dons. A súa forza, intelixéncia e optimismo converterán-se nunha parte integral para redescubrir a ledícia deste clásico conto de fadas da Disney“.

Zegler aínda ten pendente un papel aínda non desvelado xunto a Zachary Levi no filme da DC Shazam! Fury of the Gods.