Abrams leva a Madame X á HBO Max

93

J.J. Abrams e Angela Robinson traballarán xuntos nunha nova série de televisión que adaptará con acción real o título da DC Comics Madame X para a HBO Max.

Madame X (tamén coñecida polo seu alcume de Madame Xanadu) é membro do universo da Liga da Xustiza Escura, a Justice League Dark, é unha feiticeira que axudou ao Escuadrón Suicida e que traballa decote coma conselleira espiritual do antiheroe Spectre. Mais recentemente, revelou-se nos cómics que é a nai do superfalcatruán Doctor Destiny.

O proxecto está aínda a dar os seus primeiros chanzos de desenvolvemento con Robinson (Professor Marston & the Wonder Women) encargada de escribir o guión e traballando coma produtora executiva.

Abrams e mais a súa muller e parceira de produción Katie McGrath recrutaron persoalmente a Robinson para este proxecto, que producen a Warner Bros. TV e mais a Bad Robot grazas ao seu acordo de colaboración conxunta na WarnerMedia.

A Bad Robot, a compañía de Abrams, está a desenvolver ademais várias séries para a HBO Max, incluíndo unha coa franquía da Justice League Dark e deste xeito, o proxecto de Madame X ficaría conectado a este universo, no que tamén podería entrar a nova série de Constantine que está por chegar.