Riddick pon a cuarta marcha

111

O actor Vin Diesel, que continúa a promover o seu novo filme F9: The Fast Saga, ven de confirmar que se está a preparar unha nova entrega doutra saga, neste caso a de Riddick, cuxa cuarta parte comezaría a se desenvolver co título polo de agora provisório de Furya.

Seica o guionista e director David Twohy ven de completar o guión, e no decurso dunha parola coa prensa en Austrália, onda regresaría para a rodaxe (a primeira parte, Pitch Black, realizou-se alí), Diesel dixo: “David [Twohy] escribiu un grande guión. É só unha cuestión de tempo cando teñamos a oportunidade de rodar iso. Pero eu coido que imo-lo rodar en Austrália. Así que é seguro dicir que imos avanzar cara o cuarto capítulo de Riddick“.

Ademais, engadiu que o filme podería completar-se con outro videoxogo de Riddick, que aparecería coma continuación do clásico de 2004 Escape from Butcher Bay, que no seu día apañou grandes críticas e gañou algúns prémios. O xogo foi logo remasterizado e incorporado a Assault on Dark Athena cinco anos despois.

O problema é cando podería estar dispoñíbel Diesel para a rodaxe, xa que nestes intres está a se preparar para lle emprestar unha vez mais a súa voz ao persoaxe de Groot no novo filme de James Gunn, Guardians of the Galaxy Vol. 3, e ten pendentes tres filmes: Muscle, Rock ‘Em Sock ‘Em Robots e a décima entrega da saga de Fast and Furious, que seica será a derradeira, pero que serán en realidade dúas partes.