O actor español Javier Botet, quen conta cunha longa experiéncia facendo toda caste de papéis de monstro no cinema (REC, Mama, The Mummy, Slender Man) interpretará agora ao conde Drácula na longamente agardada película de terror da Amblin Partners The Last Voyage of the Demeter, que por fin comezou a súa rodaxe.
A história está inspirada na novela Dracula de Bram Stoker, especificamente na parte na que o conde transilván viaxa dende o seu país natal até Londres, a bordo do barco Demeter e metido na súa caixa. O vampiro vai atrapando ún a ún a todos os membros da tripulación, até que o veleiro chega ás costas de Inglaterra con tan só un supervivente, que toleou.
David Dastmalchian (The Suicide Squad), Liam Cunningham (Game of Thrones) e Aisling Franciosi (The Nightingale) serán respectivamente o primeiro oficial, o capitán e mais un polisón. O resto do elenco está composto por Corey Hawkins, Jon Jon Briones, Stefan Kapicic, Nikolai Nikolaeff, Woody Norman, Martin Furulund e Chris Walley.
Zak Olkewicz é o autor do guión mais recente, que dirixirá coma xa estaba anunciado o noruegués André Øvredal (Scary Stories to Tell in the Dark), con Bradley Fischer, Mike Medavoy e Arnold Messer coma produtores.
A rodaxe comezou xa esta semana en Berlín e posteriormente continuará en Malta.