A Noite dos Zombis animados

687

A máis clásica e primixénia película de zombis de 1968 de George A. Romero Night of the Living Dead contará cunha nova versión, desta volta en forma de debuxos animados, nunha longametraxe que se titulará Night of the Animated Dead.

Jason Axinn (To Your Last Death) dirixirá esta adaptación do clásico, para a cal ven de recrutar unha chea de actores que lle porán as voces aos protagonistas: Josh Duhamel, Dule Hill, Katharine Isabelle, James Roday Rodriguez, Katee Sackhoff, Will Sasso, Jimmi Simpson e Nancy Travis entre outros.

O filme orixinal, que contou cun orzamento minúsculo, ía sobre un grupo de estraños atrapados nunha granxa asediada polos zombis. Este proxecto non está relacionado coa nova longametraxe que a viúva de Romero, Suzanne Romero, está a desenvolver para rematar coa franquía.

Michael J Luisi, Ralph E. Portillo, Robert Feldman e Kevin Kasha serán os produtores, e a Warner Bros. Home Entertainment encargará-se da distribución, que será en formato dixital este outono.