Esmail quere un rei dos Estados Unidos

200

O creador de Mr. Robot, Sam Esmail, ven de sumar un novo proxecto á súa longa lista de séries para a televisión. Nesta ocasión é unha história alternativa, The American Throne, para a Universal Content Productions, na que os Estados Unidos foron fundados coma monarquía cunha família real branca.

A devandita família ve-se de súpeto mergullada nunha “batalla de sucesión de terra queimada” cando se revela que o defunto rei agochou un segredo alucinante: un fillo negro, que é agora o herdeiro ao trono.

Julius Onah (Luce) e Peter Glanz (Till Next Time) escribirán o guión, do que Esmail e Chad Hamilton serán os produtores executivos.

A canle NBC xa tentara aló por 2009 facer unha série sobre unha monarquía teocrática con Kings, que acadou grandes críticas, pero non foi renovada, segundo din por medo ás audiéncias relixiosas. Naquela série Ian McShane era o protagonista no papel do rei e  Sebastian Stan o seu fillo secreto.

Entre os outros proxectos para a televisión de Esmail atópan-se Homecoming, Briarpatch, Gaslit, Angelyne, e por suposto o agardado relanzamento de Battlestar Galactica.