A actriz maláia Michelle Yeoh é a nova incorporación ao elenco de The Witcher: Blood Origin, a vindeira série precuela que a Netflix está a preparar baseada no seu éxito do ano pasado The Witcher.
A história está ambientada nun mundo élfico uns 1.200 anos antes dos acontecementos de The Witcher e vai sobre a creación do primeiro prototipo de Witcher e dos eventos que conducen á “conxunción das esferas” que mesturou os mundos dos monstros, dos elfos e dos homes.
Yeoh interpretará a Scían, a derradeira dunha tribo de elfos nómades espadachíns. Ninguén é mais habilidoso ca ela coa espada e ninguén leva unha pena tan profunda no corazón. Pero cando se presente a oportunidade de recuperar unha espada sagrada perdida, roubada da súa tribo por médios perversos, Scían comezará unha busca que a levará por todo o Continente.
Yeoh, a quen vimos ultimamente en Star Trek: Discovery no papel de Philippa Georgiou e a partir de setembro en Shang-Chi and the Legend of the Ten Rings, úne-se a un elenco no que polo de agora xa figura Laurence O’Fuarain. A série ten previsto rodar seis episódios, que contarán con Declan de Barra coma produtor executivo e showrunner xunto a Lauren Schmidt Hissrich.