A Netflix quere renovar o seu contrato co director de Doctor Sleep, Mike Flanagan, e co seu parceiro de produción, Trevor Macy, para facer unha série que adapte para a tele o cómic de terror da Boom! Studios Something is Killing the Children.
A história vai sobre unha vila asolada por monstros que papan aos nenos, e dun adolescente que sobrevive pero ao que os adultos non acreditan. Neste escenário entra unha misteriosa muller chamada Erica Slaughter que ás veces fala co seu animal de peluche. Pero ela non está alí para falar coa xente, senón para destruír aos monstros.
A obra orixinal de James Tynion IV e Werther Dell’Edera mestura elementos de absoluto terror e un tón sombrizo coa pena, a alienación, as dinámicas familiares e temas LGBTQ. Aínda que inicialmente foi unha série limitada, converteu-se nun éxito de crítica e público tan grande que se transformou nunha série contínua.
A adaptación da Netflix aínda está nos seus primeiros chanzos, con Flanagan e Macy coma co-guionistas e produtores executivos, aos que hai que sumar a Stephen Christy, Ross Richie e Mark Ambrose. Nestes intres non está claro se Flanagan dirixiría algun episódio.
A Netflix e mais Flanagan veñen colaborando con éxito nos últimos anos, con séries e filmes coma Gerald’s Game, The Haunting of Hill House e The Haunting of Bly Manor.