O meigallo de Kevin Lewis

480

O realizador responsábel de Willy’s Wonderland, Kevin Lewis, será o novo director do filme de terror The Accursed, que a produtora alcuma coma “o que acontecería se Sam Raimi e Dario Argento tiveran un fillo e James Wan fora o seu tío“.

Sarah Grey é a protagonista no papel de Elly, unha enfermeira cuxa nai, coa que non se fala, se suicida. Consumida pola culpa, acepta traballar para Alma (Mena Suvari) coma coidadora da comatosa señora Ambrose (Meg Foster) na súa cabana illada.

Pero Alma ten plans perversos para Elly e enfrónta-se a Mary Lynn (Alexis Knapp), unha cazadora de bruxas empeñada en rematar co meigallo demoníaco que leva a costas a súa família dende hai várias xeracións. Elly decáta-se de que a señora Ambrose ten un historial nas artes negras, así coma unha misteriosa conexión coa súa defunta nai. Mentres intenta desvelar a verdade coa súa amiga Beth (Sarah Dumont), fica claro que Elly foi levada á cabana baixo falsas escusas.

Grande parte da equipa atrás das cámaras de Willy’s Wonderland, un éxito de PVOD (vídeo prémium baixo demanda) protagonizado por Nic Cage a comezos de ano, reunirá-se novamente para esta película. Rob Kennedy (Midnight Man) escribiu o guión, que producen Marcus Englefield e George Lee.