Haberá secuela de Army of the Dead

187

O selo The Stone Quarry Productions do realizador Zack Snyder ven de asinar un contrato de primeiro lance por dous anos coa Netflix, que inclúe xa unha secuela directa do seu éxito de zombis deste ano, Army of the Dead.

O acordo, o primeiro que asina Snyder dende que abandonou a Warner Bros. Pictures en 2019, chega só unhas semanas despois de que o director e mais o seu vindeiro filme de ciéncia-ficción Rebel Moon acadaran un contrato de distribución coa mesma Netflix, así que en canto Snyder remate Rebel Moon, que comeza a se rodar a primeiros de 2022 e que conta ademais coa posibilidade de se transformar en franquía, a segunda parte de Army of the Dead será o seu seguinte proxecto, con Shay Hatten de novo escribindo o guión.

Este acordo seica pecha definitivamente as portas a un posíbel regreso de Snyder ao universo cinematográfico da DC, e entra nun marco no que habería que incluír ademais á precuela Army of Thieves e mais á série de debuxos animados Army of The Dead: Lost Vegas, ambas producidas por Snyder pero non dirixidas por el.