Hai cousa dun ano, a Morgan Creek Entertainment anunciara plans para facer, xunto coa Blumhouse, un reinício da franquía do emblemático filme de terror de 1973 de William Friedkin The Exorcist.
As novas recebirón-se con non pouco desgusto, que puido ser amainado cando se soubo que David Gordon Green (Joe, Stronger) sería o director, xusto despois de revivir outro clásico do terror, Halloween, en 2018.
Agora Green ven de aclarar que o filme non vai ser de feito un relanzamento nin un reinício da saga, senón unha secuela directa do orixinal, que non vai ignorar as tres entregas que levamos:
“The Exorcist está escrito. Ese foi un dos meus proxectos durante a pandémia. Non é inexacto [que sexa unha secuela da película orixinal]. Eu gocei de todas as películas do Exorcista. E non só me gustan, senón que coido que todas poden entrar na mitoloxía aceptábel para o que estou a facer. Non é que estea a dicir: “Finxe que The Exorcist 2 nunca aconteceu”. Está ben que exista. Todas están ben para existir, e gozo moito de todas“.
Por outra banda, nun acordo que sobrepasa os 400 millóns de dólares, a Universal Pictures adquiriu os dereitos da película, que será emitida mais adiante polo seu servizo de streaming, a Peacock, despois de que chegue aos cinemas aló por 2023.
Entre os anúncios referidos ao elenco de actores cómpre mencionar que a actriz Ellen Burstyn regresará á franquía para repetir, mais de corenta anos despois, o seu emblemático papel de Christine MacNeil, a nai da nena posuída, e que o nominado ao Oscar Leslie Odom Jr. será o novo protagonista, no papel dun pai desesperado que decide pedir axuda a McNeil.