Os produtores John Davis e John Fox veñen de confirmar que a Universal Content Productions está a desenvolver unha série de televisión que servirá coma secuela do clásico filme post-apocalíptico Waterworld, que protagonizou Kevin Costner en 1995.
A série planéa-se coma continuación do filme, regresando aos mesmos persoaxes vinte anos despois. Ademais, o realizador Dan Trachtenberg (10 Cloverfield Lane), que está nestes intres ocupado co filme Skull (unha precuela de Predator) será o director do proxecto.
Davis e Fox produciran o filme orixinal, ambientado nun mundo onde as capas de xeo dos pólos se derreteron, deixando á Terra totalmente cuberta polo mar. Costner interpretaba a Mariner, un mariñeiro que pilotaba un trimarán e que era capaz de respirar baixo o auga. Axudado por unha muller (Jeanne Tripplehorn) e mais unha nena (Tina Majorino) estaba á procura dun mítico lugar coñecido coma Terra Seca.
Kevin Reynolds dirixiu o filme, que daquela custou un récord de 175 millóns de dólares e que contou con numerosos problemas de produción. As críticas foron moi negativas, pero co paso do tempo fixéron-se algo mellores. A súa recadación, que chegou aos 264 millóns, foi axudada polo seu éxito no mercado de vídeo caseiro, co que finalmente obtivo benefícios, pero aínda así considerou-se un fracaso.
Agárda-se que desta volta, coa axuda dos efectos especiáis xerados por computadora, a nova versión non teña tantos problemas de produción e non haxa necesidade de rodar no océano, abaratando moito os custes.